domingo, 24 de marzo de 2013

BOTANDO BALÓNS FORA

Pobres lusitanos neste país. As choronas declaracións do adestrador do Real Madrid, José Mourinho, sobre as dificultades de ser portugués en España son moi reveladoras de certa forma de pensar. Un adestrador que se levanta máis de quince millóns de euros como salario. Que será cando se lle trate ben?
O cóctel de victimismo e nacionalismo sérvese unha vez máis cunhas lagrimitas de darlle esmola, muller, que non hai na vida nada como a pena de ser portugués en España entoada con sons de fado. Podería unirse o mesmo selecto club de carpideiras profesionais con membros de vestiduras tan resgadas como Anasagasti e Artur Mas. Supoño que o grupito de portugueses encistado no Real Madrid estará tamén a favor do dereito a decidir. A decidir o que diga a súa señora, claro, como todos. Outro xogador do mesmo equipo, Pepe, abunda na mesma idea: "Os portugueses do Real Madrid sentímonos perseguidos". Cobra cinco millóns de euros. e di que a Ronaldo, cun salario do Madrid de máis de dez millóns, non se lle trata con xustiza. A culpa, por suposto, é dos españois, di Pepe, e a causa sería a envexa española porque "España nunca tivo un xogador merecedor do Balón de Ouro". Portugal, subliña, pode alardear dos balóns de Figo e Ronaldo.
Palabras que non pasarían de ser sandeces son, ás veces, moi reveladoras dunha forma de pensar. Como as de Mariano Rajoy, socio, por certo do Real Madrid dende hai máis de vinte e cinco anos, cando ao ser preguntado por Chipre dixo non ser "partidario de que a xente perda os seus propios depósitos porque non ten ningunha responsabilidade nesta materia". Será que os castigados coa perda da paga extraordinaria, a suba do IVE ou a conxelación das pensións si teñen, a xuízo de Rajoy, responsabilidades na crise; caprichosos vivindo por enriba das súas posibilidades, non como os xogadores portugueses do Real Madrid, que viven modestamente de acordo cos seus ingresos e sofren en España unha persecución polas súas orixes lusas.
En que estaría a pensar José Saramago cando deixou o país irmán para virse a vivir a unha España capaz de oprimir así portugueses, vascos, cataláns, galegos, andaluces, estremeños, leoneses, casteláns e veciños de Motilla del Palancar?  
Bruno Traben-Mitbe

Ningún comentario: