domingo, 7 de abril de 2013

SIMPLIFICACIÓN ADMINISTRATIVA

Unha das manifestacións máis importantes da reforma administrativa é a simplificación dos procedementos e das estruturas públicas. A Administración debe servir con obxectividade ao interese xeral, promover a mellora das condicións de vida do cidadán.
A simplificación dos procedementos ponse de relevo, por exemplo, na constitución de empresas. Hai países do mundo no que unha iniciativa empresarial está preparada para abrir as súas portas en 24 horas. En España, a pesar dos pesares, a pesar de contar cunha boa Administración pública composta, polo xeral, por persoas capacitadas, a realidade é que hai que superar 10 procedementos administrativos que adoitan tardar en resolverse, de media, sobre 28 días. Parece mentira pero ese obxectivo tan cacarexado por tantos dirixentes da xanela única non parece que sexa unha realidade entre nós. Máis ben, dado o actual sistema de distribución de competencias entre os Entes públicos necesitado de urxente reforma, as cousas complícanse innecesariamente. Ata o punto de que segundo un índice que mide a competitividade das economías nacionais elaborado polo Banco Mundial ocupamos o posto 44 do ranking só por enriba de países como Eslovaquia, república Checa, Polonia, Grecia ou Italia.
Polo que se refire a un aspecto concreto da competitividade como é o que tratamos no artigo de hoxe, a facilidade para abrir un negocio, o rexistro alcanzado por España sitúanos entre Brunei e República Dominicana, despois de descender nos últimos anos de xeito alarmante. En Europa, ademais, existe unha directiva de liberalización dos servizos que ordena a substitución da intervención previa administrativa pola avaliación ex post das actividades comerciais.
A existencia de tantas trabas e impedimentos á creación de iniciativas empresariais en España é unha proba máis da imperiosa necesidade por abordar, sen medo e sen complexos, unha reforma administrativa integral. Unha reforma administrativa que reclama unha profunda modificación da Constitución para adecuar o modelo administrativo ás necesidades reais do pobo. Trinta e catro anos despois, o modelo tornouse burocrático e tecnoestructural. E, a burocracia en democracia, está ao servizo da xente, da cidadanía, do pobo. Así de claro.

Ningún comentario: