mércores, 8 de maio de 2013

ESAS DAMAS DO PARTIDO POPULAR

Ezequiel Pérez
Hai tres señoras do Partido Popular que -sen querer, cónstame- estanlle movendo a cadeira constantemente ao "coitado" Mariano Rajoy. A saber: a Cospedal, a Báñez e a Mato.
Imos por partes. A Cospedal tivo que envainar a coas urxencias nocturnas de Castela-A Mancha, comunidade que está a converter nun auténtico Campo de Agramante. Ademais Bárcenas chámao de todo menos bonita e ela dixo que a Bárcenas se deu -e iso foi en 2012- unha "indemnización en diferido", nova figura do Dereito Laboral. A mesma señora ten motejado de "nazismo puro" as protestas dos afectados ante domicilios de gerifaltes. E como guinda á sobremesa concretou que os peperos se apertan o cinto, pero pagan as hipotecas.
Xa ven: o resto dos españois, non. O resto dos españois, a tomar por onde se enfían as agullas. Con amigas como Cospedal, o inefable Rajoy non necesita inimigos. E a Báñez? Oh!, a Báñez, que tanto me recorda a Carlos II o Hechizado, en retrato de Coello, ten motejado a emigración sangrante dos mozos españolitos actuais como "mobilidade exterior". E nin sequera se puxo colorada de vergoña. Repítoo: esta inerme señora non merece nin tan sequera formar parte do Goberno Municipal do Concello Da Coruña. Dun plumazo semántico despachou o tremendo drama da emigración xuvenil española.
Eu creo que Rajoy a mantén no Goberno porque o noso paisano ten algo de masoquista. Doutra forma, non se entende. Esta señora é a versión feminina do larapetas ministro de Facenda, señor Montoro, que cada vez que abre a boca, sobe o pan. E pecha a triloxía a aínda ministra de Sanidade, a señora Mato, de profesión, as súas festas de aniversario e, polo que se ve, nas súas horas libres, tamén ministra. Esta especie de "viúva do vivo", como dicimos en Galicia, vai camiño de deixar a sanidade española tal e como quedou, por exemplo, Alemaña, despois da Segunda Guerra Mundial.
Siga por estes camiños e coas devanditas compañías políticas, señor Rajoy.

Ningún comentario: