venres, 15 de novembro de 2013

O PSOE VOLVERÁ

O socialismo español hoxe debátese entre Schopenhauer e Ortega. A conferencia política pechou co slogan de Rubalcaba de que o PSOEvolvera. Non obstante, ninguén tivo claro cal foi o PSOE que se foi, se se foi, e cal o que volveu, se volveu.

O aparato do partido meténdose nas meninxes de Schopenhauer -as cousas sempre son as mesmas pero doutro xeito- comete o erro que anunciaba Ortega -achar continuidade no diferente é ignorar o vigor desas diferenzas-. É a fatalidade que nos pode provocar concibir a política en imaxes, que non deixa de ser sempre unha sobreactuación no aire. Todo iso recorda ao novo realismo que era o concepto neo-dadaísta de Yves Klein, un artista que facía cadros sen pintura, libros sen palabras ou cancións sen música. A súa obra máis coñecida é unha fotografía titulada "Salto ao baleiro."

A exultante afirmación de que volveu o PSOE é, no fondo, unha apelación e un desexo de volver á normalidade dun escenario que se esvaneceu. Recuperar o privilexio da alternancia mediante o recurso voluntarista de crer que todo se reduce a un cambio de imaxe e a elaboración dun atrapallado programa electoral, supón un reducionismo que non comprende a crise política e institucional que padece o país. Quizais porque os congresos e as conferencias do partido socialista se parecen cada vez máis a unha asemblea de accionistas, os cales sempre saen satisfeitos se as súas expectativas na tecnoestructura non son defraudadas.

Ignorar a crise orgánica do sistema capitalista español e da armazón política da Transición, a quebra territorial cuxa verdadeira etioloxía radica na carencia dun proxecto nacional coherente e integrador e que transcende á retórica contra os nacionalismos periféricos, os déficit democráticos que propician a inmutabilidade dun réxime de poder que lle concede unha influencia privilexiada ás elites económicas, financeiras e sociais e cuxo poder económico devén en poder político alleo ao escrutinio cidadán, representa obviar as ideas e conviccións que deben constituír a un partido cuxo compromiso ideolóxico non pode ser senón a transformación dun réxime político e un modelo social que resulta tan inxusto.

Trataríase de alentar un proxecto construído dende abaixo sobre o naufraxio do espolio das elites. Non é ocioso, polo tanto, poñer atención á advertencia de Gianni Vattimo cando afirmaba: a esquerda contentouse con pequenas reformas. Eu propoño unha oposición forte que limite a forza da dereita. Os partidos socialistas acostumáronse a ser forzas de goberno e iso mátaos. Perden o seu electorado ao comprometerse cos poderosos. "

Ningún comentario: