venres, 17 de xaneiro de 2014

SANGRÍA IBERICA


Outro importante triunfo para a marca España. A ver que din agora todos os que acusaban á Unión Europea e ás súas troikas de insensibilidade. Eses que tantos esforzos nos pediron, eses que interviñeron os nosos bancos e ao país veciño, hoxe nos teñen recompensando cunha norma que protexe á nosa ibérica sangría das imitacións dos bárbaros do norte.

Xa está ben iso de que ao amoado de viño e gasosa que fan en Alemaña o chamen como á nosa única e inigualable sangría. Dende agora ese termo só poderá ser utilizado para nomear ás que se elaborasen na pel de touro, o resto terán que ser chamados "bebidas aromatizadas a base de viño".
Unha vez máis demóstrase que Deus aperta pero non afoga. Vale que Bruxelas nos someteu a todo tipo de estreitezas económicas, vale que nos obrigaron a facer perversos axustes económicos, que nos fixeron dobrar o número de pobres e de parados, vale que isto non rematou e que seguirán nos seus trece durante algúns anos máis; pero a honra patria está a salvo, a sangría é nosa (e de Portugal) e ninguén nola poderá roubar. Merkel estará con toda seguridade a subir polas paredes con esta medida tan discriminatoria para eles.
Ademais este feito coincide no tempo coa aplicación doutro fito normativo europeo que tamén fará historia, a obrigatoriedade de usar aceiteiras irrellenables nos bares.
Que fariamos sen este ímprobo traballo lexislativo da Unión, sempre tan pendente das necesidades "reais" dos seus cidadáns e co seu acertado sentido de establecemento de prioridades. Ao meu persoalmente emocionoume, que sería de nós sen estes apoios incondicionais e sen a nosa selección de futbol. Sen lugar a dúbidas, nas eleccións ao parlamento de Estrasburgo do próximo mes de maio tereino moi en conta.
Javier Polo Brazo.

Ningún comentario: