martes, 18 de abril de 2006

O PXOM VULNERA A LEXISLACIÓN VIXENTE

NOTA DE PRENSA


Alternativa Veciñal, diante das informacións aparecidas nos medios de comunicación respecto a unha posición da Xunta de Galicia favorable ó proxecto de PXOM de Vigo, quere facer constar o seguinte:
1. O proxecto de PXOM de Vigo, tanto polo que respecta a súa tramitación como polo seu contido, vulnera a lexislación vixente.
2. Non se trata de cuestións formais nin de detalle; é un problema de fondo.
3. Dictames xurídicos que estudan o PXOM desde dous ámbitos:
· a sostibilidade
· a legalidade das normas de obrigado cumprimento
son concluíntes:
O PXOM está mal feito, é ilegal. Debe comezarse de novo.
4. Abondando no tema, distintas alegacións e informes, incluído o do anterior Goberno da Xunta, poñen de relevo erros de fondo calado que indican que non hai un modelo de cidade nin de concello, senón unicamente un modelo urbanistico inflacionario, que se pretende xustificar a calquera prezo.
5. Niguén pode negar a relevancia da contestación por parte da cidadanía a este Plan e as súas consecuencias.
6. A Xunta de Galicia debe ter en conta as directivas que emanan da U.E. xa que neste momento se están a executar multas e sancións na Ría de Vigo en materia medioambiental por incumprimento da normativa europea.
7. En definitiva, o novo Goberno da Xunta, o Sr. Presidente que prometeu “o cambio”, a “protección da costa”, o desenvolvemento sostible e “escoitar á cidadanía”, ten agora unha ocasión de ouro para demostralo, afastándose dos intereses especulativos e escuros daqueles que apoian o PXOM contra vento e marea.

Vigo, 18 Abril 2006

Ningún comentario: