mércores, 31 de maio de 2006

XOSE M. SOUTO, CATEDRATICO


Entrevista

XOSÉ MANUEL SOUTO GONZÁLEZ
.
O PXOM de Vigo: aínda queda moito por facer

No transcurso do debate do pleno municipal do pasado día 19 de Maio, onde se aprobou provisoriamente o PXOM de Vigo, chamoume a atención unha opinión: «Nós xa fixemos os deberes». Pois vai ser que non. En primeiro lugar, porque o documento aínda ten que ser avaliado pola Xunta de Galicia e, despois, porque se aventura unha morea de reclamacións xurídicas, dado o xeito no que se levou o proceso.

-Pero sobre todo porque o PXOM tería que establecer un modelo para o futuro da cidade, tal como dixeron na aprobación inicial os redactores do documento. Un modelo non se pode impoñer, hai que negocialo coas persoas que van construír a cidade, pois esta non é só urbs, ou sexa territorio construído, senón civis e polis, o que significa vida social, onde conflúen as expectativas individuais e os intereses colectivos.
-Son moitas as cousas que un quixera escribir arredor do PXOM, na liña do argumentado no Boletín de Estudos Vigueses . Pero as regras do xornalismo implican abreviar. Por iso vou tratar de avaliar o PXOM de Vigo cos ollos e racionalidade da Estratexia Territorial Europea (ETE), aprobada en Potsdam no ano 1999 e que sirve como referencia ao planeamento dos Estados e rexións europeas.
-Os tres grandes obxectivos desa estratexia son: sistema policéntrico, acceso ás infraestruturas e desenvolvemento sustentable. Isto compleméntase coas directrices de coordinación, cooperación e competitividade. Imos ver qué pasa co PXOM de Vigo.
-O sistema policéntrico supón delimitar un conxunto de núcleos multifuncionais, para evitar gasto enerxético en desprazamentos entre vivenda e comercio, traballo, xestións administrativas... O PXOM reduciu de 95 a 11 os núcleos do Plan de 1993. ¿Por que? A resposta da equipa redactora é: «A realidade non é a que cren os alegantes e a lei, pasaron dúas leis despois do Plan de 1993, establece criterios de clasificación que non son os dos alegantes». Ou sexa, descualifican aos alegantes por unha interpretación que eles fan da lei. Pero en ningún caso hai referencia ao modelo de cidade policéntrica. Aínda máis, cando se proxecta a poboación para o futuro, non se ten en conta o que sucede nos municipios e vilas máis próximas, que están a medrar máis ca cidade central, o que significa que se poden botar as bases dun sistema policéntrico urbano. Pero isto non merece a atención da equipa redactora nin dos políticos que aproban o PXOM.

Ningún comentario: