luns, 5 de xuño de 2006

XOSE M. SOUTO, CATEDRATICO

Entrevista
.
XOSÉ MANUEL SOUTO GONZÁLEZ
.

O Plan Xeral de Vigo: ¿repetir curso?
.

Como deciamos nun artigo anterior, non todos os deberes están feitos con aspecto ao PXOM de Vigo. Xa observamos que non se tomaba en consideración o principio do policentrismo consagrado na Estratexia Territorial Europea, pero tampouco se ten feito moito en canto a outros factores centrais. Examinémolos.
-En primeiro lugar, o acceso ás infraestruturas. Non imos entrar nas que concirnen á sociedade do coñecemento, o que se podería facer seguindo modelos doutras cidades do Eixo Atlántico, como Guimarães. Céntrome no asunto da Ronda de Vigo. Se este vial era para aproximar as poboación das parroquias entre si, habería que definir un plan de mobilidade, que integrara o sistema policéntrico esquecido. Pero, ademais, ¿por que se suprime o tramo de Matamá a Saiáns? Non era para aproximar as parroquias? Cando se le que a execución da Ronda vai ser por planeamento remitido xa atopamos a clave. Hai unha operación urbanizadora detrás do argumento do vial. Se vai ser por este tipo de execución non se asegura a continuidade, pero si o negocio inmobiliario. Desenvolvemento sustentable. Non entramos nas diferenzas enormes de avaliación entre os redactores e a equipa da Universidade de Vigo, pois é obvio que existe unha diferente sensibilidade. Eu quixera recordar aquí o que se di no Manifesto por unha nova cultura do territorio , asinado polos principais urbanistas de España: «Debe abandonarse a concepción do solo rústico como espazo residual». Todo o contrario do que se fai no PXOM. ¿E como se avalían as
infraestruturas do ciclo da auga para un horizonte de case 400.000 habitantes, cando nin sequera está resolto o problema da única depuradora? ¿Hai recursos hídricos para toda a rexión urbana?
-Démonos conta de que a presa de Eiras e o río Oitavén non están no municipio de Vigo e, polo mesmo, se debe pensar en termos metropolitanos.
-Coordinación. ¿Como se pode desprezar o que se di no Plano Estratéxico de Vigo e a súa área funcional, ou os procesos de participación da Axenda 21? Non vale aludir a que o plan elabórase de acordo coa Lei 15/2004 e que a Axenda 21 nada ten que ver. E o mesmo podemos dicir das ordenanzas sobre ruídos e contaminación ambiental. As directrices sobre coordinación das políticas sectoriais por parte da UE son claras. O argumento da equipa redactora é prepotente: «Que se leron algo do Plan non foron capaz de entendelo». Isto rexeita calquera argumento en prol da participación cidadá.
-Cooperación e complementariedade dos recursos. ¿Como se pode facer un plan en Vigo sen ter en conta o plan especial do porto? Teñen que ir da man. Ou qué dicir do planeamento rexional dos municipios próximos. Sen dúbida Galiza ten un gran retraso respecto das directrices de ordenamento, pois non están aprobadas. Pero existe un Plano Estratéxico da Deputación que fala do tren de proximidade, do ferry de Vigo a Cangas. Un plan de mobilidade que non se considera no PXOM de Vigo.
-Competitividade e competencia. A reserva de solo industrial debe definir a sectorialización dos espazos de I+D+I, así como definir as comunicacións entre o porto marítimo e o porto seco de Salvaterra-As Neves. Isto é prioritario para o crecemento económico futuro, o que dalgún xeito xustificaría o crecemento demográfico. Pero isto non aparece máis que dunha maneira imprecisa e ambigua.
-Todo o anterior lévanos a avaliar que o actual proceso de PXOM de Vigo ten moitos deberes pendentes no esencial. Van ter que repetir curso ou facer os deberes para setembro.

La Voz

Ningún comentario: