venres, 6 de outubro de 2006

O CONSENSO DAS DIRECTIVAS


NOTA DE PRENSA

"O CONSENSO DAS DIRECTIVAS"
.
Esclarecedora enquisa de ¡Que! o mércores, 4 de Outubro de 2006. A noticia redactada polo xornalista Antonio Albadalejo asómanos á crúa realidade. Ao 40% dos cidadáns que responderon á enquisa non lles soa o PXOM ¡logo de 6 anos!; e o 74% non está interesado. Que un concello aprobe un Plan Xeral ilegal, e o que alegaron máis de 80.000 firmantes, e que máis de 21.000 sinaturas pediron que se lles consultase expresamente, ¿non lles interesa? Consideran que o urbanismo é cousa de políticos ¿Consideran tamén que estes poden autorizar aos promotores e constructores a destruír a paisaxe e a calidade de vida? Obsérvese que ao 14% de vigueses nin lle soa nin lle interesa o PXOM de Vigo.
-¿Como pode a Sra. Porro e o Sr. Figueroa, á vista desta enquisa, dicir que falan en nome dos cidadáns? ¿A que veciños representa a presidenta da FAVEC e os representantes dos sindicatos CCOO, UGT e CIG? Hoxe os autodenominados axentes sociais son realmente axentes da propiedade inmobiliaria ¿Con quen estaban no convenio do metal y con quen están na aprobación do PXOM de Vigo? ¿Barreras o Aproin?
-En ningún sitio consta que tomen as súas decisións respecto do PXOM democráticamente e que promoveran un debate profundo nas súas bases sobre a planificación urbanística en Vigo. Patética e vergonzosa é a posición da FAVEC por seguir defendendo o PXOM en contra dos veciños, que se manifestan na rúa, que fixeron milleiros de alegacións e ás que se lles negou o referendo. Contraditoria e ridícula cando contratan o asesoramento do Colexio de Arquitectos, e o mesmo alega en contra do PXOM, mentres a FAVEC o aproba.
-O repetido consenso do Plan non é máis que o CONSENSO DAS DIRECTIVAS que abusando da lexitimidade na súa elección, pretenden facer tamén lexítimas calquera das súas decisións aínda que vaian en contra dos seus representados, os seus estatutos, a democracia, a lei, e o interese xeral. Todo fronte a uns cidadáns que nin lles soa nin lle interesa.
-Alternativa Veciñal desde unha posición cidadá crítica e constructiva levou adiante un informe xurídico que di que o PXOM de Vigo é nulo de pleno dereito e debe denegarse a aprobación definitiva. Promove accións para sacar aos cidadáns da pasividade e o aburrimento á que os conducen os intereses políticos e económicos, e informa do negativo e prexudicial que vai ser para todos os cidadáns este Plan Xeral.
-É moi probable que os que sopran para inflar a burbulla inmobiliaria, non estean dando a cara cando estale. Será a Xunta de Galicia a que teña que responder se non demostra cordura e valentía para parar o PXOM de Vigo e evitar males maiores. O que si é seguro e que o pagaremos caro todos os cidadáns, como ven sendo habitual coas ilegalidades habidas no urbanismo vigués.

Vigo, 6 Outubro 2006

Ningún comentario: