xoves, 11 de xaneiro de 2007

MÁIS DE 20.000 SINATURAS





..
NOTA DE PRENSA

,..
Máis de 20.000 cidadás e cidadáns solicitan a Touriño rexeitar o PXOM de Vigo
.
O vindeiro sábado, día 13, ás 11 h. da mañá, no edificio da Xunta en Vigo, terá lugar a entrega de sinaturas recollidas da carta-manifesto dirixida ao Presidente da Xunta de Galicia esixindo a denegación da aprobación definitiva do PXOM de Vigo.
A cifra alcanzada nestes momentos supera a de 20.000.
Ditas sinaturas constitúen un feito de tal contundencia e irrefutabilidade que pon de manifesto a confianza e o apoio masivo das viguesas e dos vigueses a esta iniciativa, que, dende aquí queremos agradecer, e
.
AMOSAN:
.
1. Un amplísimo rexeitamento social a este PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL, tecnicamente moi deficiente, insostible, ilegal e antidemocrático.A base científica de previsión de incremento poboacional vese refutada polos datos do censo do padrón coñecidos nestas datas.

2. Que decenas de milleiros de cidadás e cidadáns están en desacordo coa decisión tomada polo Goberno Municipal de Vigo, o PP, o BNG e o PG.

3. Unha postura clara e decidida das xentes viguesas na defensa da beleza singular e privilexiada da nosa terra.

4. Un inequívoco xesto contra a corrupción política, a barbarie urbanística e a especulación salvaxe. A oposición a “marbellizar” Vigo.

5. Un movemento cidadán libre, consciente e decidido pola sostibilidade. Un movemento que quere impedir que se poña en entredito o futuro industrial de Vigo, porque non se atende suficientemente a necesidade de solo industrial.

6. Unha demanda real, unha mensaxe do pobo aos gobernantes en requirimento de democracia, xustiza e respecto polo medio ambiente.

Os ditames sobre sostibilidade e legalidade do PXOM de Vigo son concluíntes e a eles nos remitimos: O PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL DE VIGO É INSOSTENIBLE E ILEGAL E A XUNTA DEBE DENEGAR A SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA. A Xunta de Galicia iría contra si mesma se non tivese en conta a opinión técnica e os estudos procedentes da Universidade de Vigo, de expertos en dereito urbanístico e ambiental e, por suposto, o rexeitamento social do pobo de Vigo.
Despois de seis anos de elaboración e modificacións, o Plan presenta obsolescencias e amósase un conglomerado de engadidos e recortes: non está actualizado. É un Plan para un pasado de especulación pero non para un futuro de desenvolvemento sostible.
.
Por outra banda, constituiría un acto de imprudencia xurídica aprobar un Plan, cando se está a elaborar unha nova Lei estatal do Solo, e en Galicia, unha nova Lei de Protección do Litoral, unha nova Lei de Protección da Paisaxe e o Plan Sectorial de Vigo; leis todas elas respecto das cales, cando estean elaboradas e aprobadas, o PXOM de Vigo aínda sería más anacrónico e ilegal. .
Vivimos nunha sociedade competitiva, nunha economía globalizada e nun escenario internacional onde as magnitudes que teñen un valor crecente son a calidade, a eficiencia, o respecto ao medio ambiente e a sostibilidade. O PP, o BNG e o PG están convertendo este PXOM en todo o contrario: o expoñente do que Vigo é capaz de facer, é dicir, DESTRUIR VALOR. Unha contribución política inaceptable de consecuencias negativas incalculables.
.
AGARDAMOS
.
Que a Xunta de Galicia escoite tantas voces de cidadás e cidadáns, atenda ao pobo de Vigo e non adopte unha decisión que para nós sería vergoñenta e enchería de ignominia ao Goberno da Xunta: aprobar o Plan Xeral máis contestado, máis repudiado e de máis ampla e dilatada oposición.
Esperamos dos nosos gobernantes, da Xunta e do seu Presidente o Sr. Pérez Touriño, que non nos defrauden.
.
CONVIDAMOS
.
A toda a cidadanía, aos verdadeiros donos da soberanía, a todas as veciñas e a todos os veciños de Vigo a este acto de entrega de sinaturas.
A campaña de recollida de sinaturas foi realizada por moitos colectivos y cidadáns a título individual, pertencentes a todo o concello de Vigo.
COLECTIVOS
Ameixeira (Alcabre), Depuradora de Coruxo. Cataboi. Riobo-Mantelas, Oia, O Castro, Curva de San Gregorio, Liñeiriños (Cabral), San Roque, Ronda de Vigo (Lavadores); Ronda de Vigo y la Ampliación Industrial de Zona Franca (Matamá), "Santa Lucia" de la Salgueira;Voces polo Litoral, A Revolta, Gas, Especulanon.

Ningún comentario: