venres, 9 de febreiro de 2007

A COSTA, PATRIMONIO DOS GALEGOS


O titular do Goberno galego asegura que coa Lei de medidas urxentes de ordenación do litoral “a costa volve a ser patrimonio de todos os galegos”
.
“É o instrumento máis importante e potente da historia recente da nosa comunidade”, incidiu Touriño
.
Destacou que as previsións de urbanismo nos municipios costeiros “duplicaban o construído desde o inicio da ocupación nestas zonas”
.
As medidas afectarán ás 3.000 hectáreas de solo urbanizable situado a menos de 500 metros do mar
.
Os concellos terán un prazo de dous anos para adaptar os seus plans á norma vixente

.
Santiago, 8 de febreiro de 2007.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou hoxe a aprobación do proxecto de Lei de medidas urxentes en materia de ordenación do litoral de Galicia, que cualificou como “o instrumento máis importante e potente da historia recente da nosa comunidade”, entendido –dixo- “como mecanismo de desenvolvemento e de protección do litoral de Galicia”. Así, “a costa volve a ser patrimonio de todos os galegos”, afirmou o xefe do Executivo autonómico, ao tempo que engadiu que “se acabou o vale todo”. O máximo mandatario galego subliñou que con este paquete de medidas “recuperamos un dos nosos bens máis prezados”.
A lei aprobada hoxe, para a que o Goberno galego pediu a tramitación por vía de urxencia no Parlamento de Galicia, afecta ao 13% da superficie urbanizable dos municipios costeiros, ao redor de 3.000 hectáreas, cifra referida ao espazo situado nos 500 metros de franxa de costa protexida por esta lei.
Pérez Touriño indicou que Galicia estaba a sufrir unha “importante presión urbanística”. Para facerse unha idea do desenvolvemento urbanístico desordenado, o presidente argumentou que “desde que ocupamos o territorio e urbanizamos nos municipios da costa de Galicia ocupamos un total de 22.000 hectáreas”. “Os plans previstos para desenvolver nos próximos meses neses municipios duplicarían esta cifra nun período inmediato” asegurou o presidente. Neste escenario, facíase necesaria a “ordenación do crecemento, dunha forma razoable e protexendo o noso litoral”, explicou o presidente, quen utilizou estes datos para por de manifesto a urxencia desta lei, que segundo indicou “será trasladada ao Parlamento”. Calculou que, polo trámite de urxencia, podería aprobarse nun par de meses.
Esta suspensión afecta aos terreos situados dentro da franxa dos 500 metros clasificados como solo urbanizable, apto para urbanizar ou rústico apto para o desenvolvemento urbanístico. Trátase, explicou o presidente, “dunha suspensión de carácter transitorio, vixente mentres os concellos non adapten os seus plans á normativa actual, a 9/2002, ou mentres non entre en vigor o Plan de Ordenación do Litoral”. O presidente destacou que neste momento “só 11 concellos teñen os seus plans adaptados a esta norma”, polo que estarán afectados por esta medida un total de 87 concellos. A lei, detallou o presidente, “prevé un período de dous anos, prorrogable por un máis en relación co seu alcance temporal”.
.
Pioneiras na defensa do litoral
Con este elemento de protección que “é o que marca a diferenza, Galicia incorpórase ao grupo de comunidades pioneiras na elaboración de medidas de protección da costa”, destacou o presidente. Segue así a Cataluña, Asturias e Cantabria, que xa desenvolveron medidas semellantes. O obxectivo –engadiu- “é preservar ese litoral e que a costa sexa un patrimonio socializable ao servizo da calidade de vida, do desenvolvemento económico e ambiental do noso país”.
Pérez Touriño destacou outro dos puntos incluídos na lei, a posibilidade de que a Xunta poida declarar plans de incidencia supramunicipal para a promoción de vivenda protexida, unha posibilidade inexistente ata o momento.
.
Enerxías renovables
Esta lei –indicou- o titular do Goberno galego permitirá ademais a produción de enerxía en solo rústico. Introduce así unha modificación na Lei do Solo para permitir a construción de infraestruturas de produción de enerxía renovables, sobre todo a enerxía solar fotovoltaica en solo rústico. Deste xeito, explicou Touriño, “dáse resposta a unha demanda plantexada con intensidade por todos os sectores desta actividade e polos propios concellos”.
A lei crea un Instituto de Estudos do Territorio, un instrumento que, segundo palabras do propio presidente, “facilitará recursos económicos, materiais e humanos aos concellos para que podan facer planeamento”. Desde o Goberno galego “queremos que facer un plan de urbanismo sexa un práctica habitual nos concellos de Galicia e para iso deben contar cos instrumentos técnicos para que, coordinadamente e concertadamente coa Xunta, poida facerse o planeamento municipal”. “É o obxectivo central desta lei”, apostilou. Por iso, “é urxente dispoñer deste instrumento”. Pérez Touriño concluíu amosando a intención da Xunta de “colaborar cos concellos na programación do seu crecemento para evitar que os planeamentos queden obsoletos”.

Ningún comentario: