mércores, 28 de febreiro de 2007

(AAE) DO PXOM DE VIGO



Sr. Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
.

XUNTA DE GALICIA
.
.......
ASUNTO: Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) do PXOM de Vigo

. Despois de dez anos nos que os sucesivos gobernos incumpriron a obriga de poñer os medios para evitar o aumento da contaminación da ría de Vigo; logo de 6 anos perdidos para Vigo por mor da prepotencia dos Gobernos municipais de BNG e PP ao tratar de impoñer un Plan Xeral insostible e ilegal, uns anos nos que non se prestou a atención debida ás chamadas da cidadanía para que se solucionasen os problemas que, de modo paradoxal, crearan en Vigo os propios gobernantes, e son estes os que os agravan.
Na nosa opinión resultaría contraditorio que a Xunta de Galicia ditaminase que é un inconveniente someter o PXOM de Vigo ao informe de Avaliación Ambiental argumentando que non se pode perder máis tempo. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible pode prever como será Vigo no 2025 no caso de que se aprobe o PXOM e tamén pode predicir o que se perderá de maneira irreversible para a cidade e para a totalidade do concello.
Agora ben, posto que o Plan vai ser substancialmente modificado, se a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible fai agora o “exame de sostibilidade”, este realizarase sobre o Plan desautorizado pola Consellería de Política Territorial. No seu informe, a Dirección Xeral de Urbanismo (DXU), avala os criterios técnicos do Ditame de Sostibilidade elaborado polo profesor Montalvo, da Universidade de Vigo, e coincide coas súas ideas esenciais. A DXU recorda ao Concello de Vigo que as súas competencias son, entre outras, analizar a adecuación das determinacións do Plan á protección do medio rural, e á súa incidencia sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sostible. Recoñece, a Dirección Xeral, a orixe rural da maior parte do territorio, e conclúe que o Plan non atende, entre outras cuestións, aos principios de utilización racional do chan e desenvolvemento sostible, non garante un desenvolvemento coherente e ordenado, provoca unha grande extensión global de solo a transformar (impacto de ocupación do solo), e evidencia importantes deficiencias nas redes de abastecemento e saneamento.
Na nosa opinión, parece que por coherencia co ditame de Política Territorial, o PXOM de Vigo non debería pasar o devandito “exame”. A maiores, o Exame de Legalidade do PXOM de Vigo, presentado por Alternativa Veciñal, aporta evidencias de incumprimento das leis e directivas ambientais; segundo este Exame, entregado no seu día a todas as Consellerías e ao propio Concello de Vigo, o PXOM é insostible e ese cualificativo aséntase sobre argumentos demoledores.

No caso de que a Xunta de Galicia optase por centrarse en valorar as intencións do Goberno municipal e emitise resolucións confiando en que o Concello realice os cambios indicados por Política Territorial, con dilixencia e respecto escrupuloso á legalidade, todo parece indicar, sempre segundo a nosa opinión, que as intencións do Goberno municipal non parecer camiñar nesa dirección. Para facer esta afirmación baseámonos nos seguintes feitos:
1. A contestación de Consultora Galega, a través dun contrainforme, aos reparos efectuados pola Xunta de Galicia no seu Informe Previo á Aprobación Inicial, no que incidía nos erros, na falta de claridade, nas incongruencias e contradicións do PXOM, así como na falta de garantías e xustificacións das súas pretensións, dá unha idea do que entende o Goberno municipal de Vigo por colaboración e responsabilidade compartida.
2. O feito de que, no documento do PXOM enviado á Xunta de Galicia, se contemplase a construción da nova depuradora, en Bouzas, unicamente con un punto, indica o valor e a prioridade que tivo durante seis anos, para o goberno municipal do PP, o BNG, o PG, o xerente de urbanismo e Consultora Galega, un indicador básico de sostibilidade como é o saneamento de augas residuais dunha poboación como a de Vigo á que habería que engadir o suposto incremento dela que implica o PXOM.
3. As manifestacións e actuacións da Alcaldesa e do Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente parecen ir máis na dirección de intentar legalizar as actuacións urbanísticas ilegais que en restituír a legalidade.
4. O Valedor do Cidadán, no seu informe anual, denunciou o abandono de funcións en materia de infracción urbanística por parte da Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente.
Existe, abofé, unha altísima probabilidade de que as recomendacións da Xunta de Galicia non vaian ser seguidas polo Goberno municipal de Vigo, o cal deixaría, de novo, a defensa da legalidade en mans da cidadanía, que non tería máis opción que recorrer aos tribunais de xustiza. Non parece unha opción viable nin desexable.
Se, pola contra, a Consellería de Medio Ambiente agarda unha versión nova do PXOM que inclúa todos os cambios realizados, e analiza o Plan modificado, o resultado previsible será que a inviabilidade técnica do PXOM provocará novas perdas de tempo que engadirán máis motivos para decidir empezar de novo.
Como se vén repetindo desde a Xunta de Galicia, fronte á intimidación, á chantaxe, á manipulación e á mentira, non queda máis remedio que adoptar medidas claras e estritas; esixir con todas as garantías que tales medidas se cumpran e controlar, moi de preto, o seu cumprimento. Todo iso pódese conseguir sometendo o Plan ao procedemento administrativo de Avaliación Ambiental. Non en balde a lei de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) é unha lei de garantías: garantía de prevención e garantía de participación.
En definitiva, tendo en conta que o PXOM de Vigo é moi deficiente desde o punto de vista técnico, ademais de ilegal e insostible, na nosa opinión, debe redactarse de novo. Paralelamente pódese realizar a AAE do mesmo. Mentres, unhas normas provisionais ditadas pola Xunta poderían dar seguridade xurídica ao Concello. Evitaríanse problemas porque a súa realización sería máis correcta, tería validez por máis anos e, sobre todo, existiría a seguridade de que ía respectar as leis urbanísticas e ambientais.
.
Por todo o devandito,

. SOLICITAMOS á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que teña en conta a opinión da cidadanía e dos informes que se decantan polo respecto á legalidade e obrigue ao Concello de Vigo a realizar a Avaliación Ambiental Estratéxica do PXOM. Iso supón resolver que o Concello de Vigo debe elaborar un Informe de Sostibilidade Ambiental, someter o Plan a exposición pública e redactar, conxuntamente coa propia Consellería, unha Memoria Ambiental.
Entendemos que deixar nas mans do Concello de Vigo a solución dos problemas legais e ambientais do PXOM, coñecidos os antecedentes das súas actuacións nesta materia, contribuiría a agravar os devanditos problemas de cara ao futuro.
Vigo, a 26 de febreiro de 2007

NOTA: ESTE DOCUMENTO FOI ENTREGADO POLO REXISTRO XERAL DA XUNTA DE GALICIA EN VIGO, CON DATA 27 DE FEBREIRO DE 2007

Ningún comentario: