mércores, 11 de abril de 2007

COMPROMISO CO PXOM DE VIGO



Pérez Touriño reitera o compromiso do Goberno que preside para que neste ano 2007 Vigo poida ter o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal

.
O presidente galego asegura que a Xunta tomará a decisión sobre o plan no prazo dun mes, “en canto o Concello de Vigo e a alcaldesa fagan os seus deberes e asuman a súa responsabilidade”

Salienta que Política Territorial lle “tendeu a man” ao concello, realizando ata cinco xuntanzas co fin de “facilitar o camiño e traballar conxuntamente” xa que, asegurou, “sabemos da necesidade de que Vigo teña canto antes un bo plan xeral de ordenación urbana”

Critica a actitude do voceiro popular asegurando que tenta facer “bulla e ruído” para “tapar e ocultar as vergonzas do seu partido”

Convócao a sumarse a un pacto polo territorio e ínstao a “que se suba ao carro de construír e facer país” para paliar os problemas de en materia de territorio e medio ambiente que padece a comunidade

Santiago, 11 de abril de 2007.- O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, reiterou esta mañá o compromiso do Executivo que preside para que no presente ano a cidade de Vigo poida contar co seu Plan Xeral de Ordenación Municipal. Pérez Touriño insistiu en que os vigueses teñen “a palabra do presidente da Xunta para que neste ano 2007 Vigo poida ter o plan, en canto –engadiu- o concello e a alcaldesa fagan os seus deberes e asuman a súa responsabilidade”.
“Todos os vigueses saben –insistiu o mandatario autonómico- que está dada e comprometida a palabra da Consellería de Política Territorial para, no prazo dun mes, informar sobre o plan”. Por iso instou ao concello vigués a que cumpra “coa súa obriga”, que leve o plan ao pleno, “que o aproben, que asuman a súa responsabilidade e que o manden á Xunta” para facer a avaliación correspondente.
Na súa intervención en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada polo Grupo Popular, Emilio Pérez Touriño explicou que o concello de Vigo debe introducir no seu planeamento “as correccións e xustificacións correspondentes, ten que ser informado polos servizos técnicos e xurídicos municipais para proceder á aprobación; remitir o expediente completo debidamente dilixenciado” e unha vez cumprido este procedemento e “non antes”, engadiu, é cando o Goberno galego “pode e debe” emitir o seu informe.
Nesta liña, Pérez Touriño lembrou que a Consellería de Política Territorial lle “tendeu a man” ao concello, realizándose ata cinco xuntanzas desde o 19 de xaneiro (data na que se emitiu a orde de non aprobación do PXOM ao detectar numerosas deficiencias que obrigaban a acometer correccións para adaptalo á legalidade vixente) co fin de “facilitar o camiño e traballar conxuntamente co Concello de Vigo”. “Porque sabemos perfectamente –remarcou- da necesidade de que Vigo teña canto antes un bo plan xeral de ordenación urbana”.
Deficiencias detectadas xa polo Goberno do PPNa súa resposta, o titular do Goberno autonómico lembroulle ao voceiro popular, Alberto Núñez Feijóo, que o primeiro informe realizado sobre o PXOM polo anterior goberno do PP “foi negativo” xa que se detectaron certas eivas. De feito, segundo manifestou Touriño, moitas das deficiencias detectadas actualmente pola Consellería de Política Territorial xa foran detectadas no seu día, no ano 2004, polo Goberno do PP. Por iso criticou ao voceiro popular polo seu “oportunismo” e por acudir á Cámara galega a facer “demagoxia” e unha formulación “falaz e enganosa”.
“Realmente resúltame abraiante as preguntas que vostede é capaz de chegar a formular no pleno. Ben parecera que vostede non fora conselleiro de Política Territorial, ben parecera que vostede descoñecera a lei que o propio Parlamento, desde a maioría absoluta que entón tiña o PP, votou nesta Cámara e que está obrigado a cumprir, desde logo o Goberno que presido -dixo Pérez Touriño dirixíndose a Núñez Feijóo- pero vostede estando na oposición debería ter un chisquiño máis de sentido común e de responsabilidade –insistiu- porque a formulación que vostede fai é totalmente falaz e enganosa”.
O máximo mandatario galego tamén lle recriminou a Alberto Núñez Feijóo a súa actitude electoralista: “Paréceme que a proba máis evidente de electoralismo e de falta de sentido da responsabilidade –sinalou respecto a Núñez Feijóo- é xustamente a súa actitude e a súa propia pregunta. Porque vostede está formulando a pregunta a sabendas de que o primeiro que hai que preguntarse legalmente é cando o concello de Vigo aprobará provisionalmente o seu plan con suxeición ao procedemento legal establecido e coas modificacións derivadas do cumprimento da orde da Consellería de Política Territorial do 19 de xaneiro”, engadiu.
Pacto polo territorio“Parece mentira que tendo a responsabilidade que tivo e tendo a que ten agora, ou que pretende ter, non sexa capaz de asumir a chuvia de sentenzas dos tribunais de xustiza que están caendo sobre multitud de concellos deste país sobre a base da incapacidade para facer un bo planeamento e garantir un bo urbanismo neste país”, lembroulle o presidente da Xunta ao voceiro popular. Por iso o convocou “á prudencia e á responsabilidade” para poñerse a traballar “nun auténtico pacto polo territorio”, aínda que lembrou que Núñez Feijóo parece preferir a vía do “desgaste e da confrontación”. “O todo vale é o seu camiño. Non é o camiño da Xunta de Galicia”, advertiulle o mandatario galego.
Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico tamén lembrou que gobernando o PP con maioría absoluta “non se aprobaron as directrices de ordenación do territorio mandadas pola lei”; non fixo a axencia de legalidade urbanística mandatada pola lei; e non se puxo en marcha nin se aprobou o plan integral do litoral do país.
“Deixáronnos un país como nolo deixaron. Esa é a herdanza que recibimos de vostede”, remarcou Pérez Touriño ante Feijóo, asegurando que o Goberno que preside está a cumprir os seus “deberes”. “Estamos poñendo en marcha unha Lei de protección do litoral á que vostedes se opoñen e que vostedes queren cargar xa, porque non teñen ningún interese en comprometerse de verdade coa protección do litoral deste país”, insistiu Pérez Touriño instando a Feijóo a que demostre o contrario e “vote a favor”.
“Non lle estou botando en cara nada”, dixo o presidente galego a Feijóo-, senón que lle estou dicindo que se suba ao carro de construír e facer país porque temos un grave problema de territorio e medio ambiente. E hai que tomar as medidas, que vostedes non as tomaron, pero é o momento de tomalas”. “Nesa dirección estamos a traballar, hai todo un programa de traballo”, engadiu pedíndolle ao voceiro popular que “non faga demagoxia”.
“Que vostede veña poñer aquí en tela de xuízo unha política limpa e transparente, comprometida por este Goberno non ten sentido”, advertiulle a Núñez Feijóo e lembrou que “o que está facendo é bulla, ruído, para tapar e ocultar as vergonzas do seu partido”. “Esa é a crúa realidade”, sentenciou.
NOVAS DA XUNTA DE GALICIA

Ningún comentario: