martes, 24 de xullo de 2007

O PXOM E LIÑEIRIÑOS

O plan xeral de Vigo recortará o proxecto de gran parque comercial ideado por ING
.
As vivendas xa non serán expropiadas, aínda que o monte de Cabral pode ser urbanizable
.
A revisión do plan xeral de urbanismo de Vigo incluirá unha modificación da ficha de Liñeiriños, onde a promotora ING Real Estate Develoment Spain Holding prevé construír o maior parque comercial de Galicia cun investimento de 341 millóns de euros. Polo menos as vivendas xa non serán expropiadas, como figuraba no plan xeral. Outras decisións quedan condicionadas ás explicacións de Consultora Galega, a súa redactora, en relación coa tipoloxía asignada a ese ámbito, onde xa se descartou instalar industrias limpas polo seu impacto ambiental.
No plan xeral de Vigo, a ficha de Liñeiriños sinala, como obxectivos de planeamento e criterios de ordenación, o acomodo de "un centro de atractividade a escala da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que poida garantir a construción dun gran complexo terciario" polas excelentes conexións do emprazamento, próximo ao aeroporto e atravesado pola autoestrada Rande-Baiona que aí funciona como cinto de circunvalación de Vigo, asociado a outras estradas. "Dado o carácter estratéxico desta previsión, que desde o primeiro momento viuse como cardinal para a futura ordenación de Vigo, enténdese que o sistema de execución debe ser directo (expropiación)", engade a ficha.
A nova concelleira de Urbanismo, Carmela Silva, confesa non entender ese tratamento prioritario, sobre todo polo illamento do ámbito con respecto a outras zonas máis urbanas. "Noutros lugares tamén se produce unha confluencia análoga de vías de comunicación e non por iso depáraselles un planeamento con expropiación", aduce. "Ademais, é un bosque moi fermoso e un pulmón para a cidade".
Para empezar, nunha visita cursada na última semana ao barrio, o alcalde, Abel Caballero, e ela comprometéronse a atender a petición dos veciños en relación coas anunciadas expropiacións. Non serán expropiadas as 120 familias que habitan as 58 casas do ámbito, sobre algunhas das cales xa hai compromisos de venda involuntarios, subscritos baixo a ameaza de expropiación.
Os compromisos de venda, con todo, teñen moito maior alcance. De feito, os executivos de IGN aseguraban en marzo do ano pasado ter amarrada a compra de 500.000 metros cadrados "co maior propietario" (a comunidade de montes de Cabral) e propuñan "pechar tantos acordos de compra de terreo como sexa posible" antes da aprobación do plan xeral de urbanismo, que naquel momento se databa previsiblemente para finais de 2006. ING proxectaba comprar 1,4 millóns de metros por 114 millóns de euros.
.
Provedor de oportunidades
.
Ninguén no barrio, salvo quizá Luís Rodríguez, presidente da comunidade de montes e da asociación de veciños de Cabral, coñece o volume das vendas comprometidas.A maioría da veciñanza, salvadas as casas, non se opón a urbanizar ese monte, o que sen dúbida xeraría uns suculentos ingresos para a comunidade. Pero a operación de ING estaba supeditada á aprobación do plan xeral na data indicada, aínda que fontes da inmobiliaria sinalaron recentemente a este xornal que non variara os seus plans a pesar da demora na citada aprobación. Os cambios na ficha de Liñeiriños, con todo, dependendo do seu alcance, si que poderían ter un efecto inhibidor sobre o proxecto.
O plan de negocio de ING contempla un investimento total de 341 millóns de euros e a previsión de obter 73,5 millóns de beneficio. O obxectivo da inmobiliaria é construír 854.953 metros cadrados -o equivalente a máis de 8.500 vivendas de 100 metros- nun retail park, un parque comercial, o primeiro de Galicia, onde se asentarían grandes superficies comerciais de marcas recoñecidas, así como en zonas residenciais e un hotel.
No Concello, "as principais persoas que toman decisións, incluída a [anterior] alcaldesa, quedaron gratamente sorprendidos do traballo e deseño presentados, mostrando o seu pleno apoio ao noso proxecto", comunicaron en marzo pasado os executivos españois da inmobiliaria á súa central en Holanda, que bendixo a operación, xestionada en Vigo polo seu "provedor de oportunidades" Pedro Costas Gil, empresario vinculado ao PP.
.
Un proxecto para instalar industrias limpas na mesma zona xa fracasou polo seu impacto ambiental
.
Os terreos de Liñeiriños nos que ING prevé construír o único parque empresarial de Galicia xa foron expropiados para instalar neles un polígono de industrias limpas promovido pola Sociedade Estatal de Promoción e Equipamento do Solo (Sepes), que anos despois, en 1996, reclamou a restitución do prezo pagado "por imposibilidade material de cumprir o fin" por mor do seu impacto ambiental.
O proxecto iniciouse en 1988 coa firma dun convenio do Concello e a Sepes. Dous anos despois comezou a expropiación forzosa de 376.000 metros cadrados da comunidade de montes, polos que a Sepes pagou 232 millóns de pesetas, para instalar "industria limpa, non perigosa nin contaminante".
A operación tivo unha xestión paralela á expropiación de terreos para construír o actual Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), que si alcanzou porto, aínda que non sen litixios para afianzar os pagos, cuxo último prazo deberá liquidar o Concello neste mesmo ano.
O proxecto da Sepes encallóu no medio ambiente. A sociedade estatal instou ao Concello, en 1996, a restitución do prezo pago aducindo que non podía cumprir o seu obxectivo "como consecuencia do resultado do estudo de impacto medio-ambiental, unido ao plan de actuación urbanística, que desaconsella a intervención programada por entender que a materialización do proxecto podería alterar o equilibrio ecolóxico da zona, ao haberse detectado a existencia de mananciais que abastecen de auga a barrios limítrofes, así como a localización de masas arbóreas autóctonas cuxa conservación estimar aconsellable".
A comunidade de montes tivo que devolver o cobrado. O bosque autóctono e os mananciais son os mesmos. Os veciños ecoloxicamente máis sensibilizados din que os mananciais non só abastecen aos barrios, senón que tamén, aínda que non sexa tan ostensible, achegan o caudal principal do río Lagares. Os proxectos urbanísticos de ING deberán de ter en conta eses extremos, sobre os que poderían previr á inmobiliaria Corina Porro, José Manuel Figueroa e Santiago Domínguez, que xa eran concelleiras da corporación que aprobou, en 1999, a reversión do convenio que xustificou as expropiacións e o seu pago.

Ningún comentario: