xoves, 17 de abril de 2008

LEI DA PAISAXE DE GALICIA

Galicia será a terceira comunidade en promulgar unha Lei da paisaxe
.
Pretende poñerlle freo á desorde urbanística e á perda dos sinais de identidade dun pobo
..
Confluencia do medio natural e da intervención humana nese espazo. Con esta nova concepción de paisaxe, Galicia está a promover unha normativa de protección que contribúa a preservar a identidade dun país, unha zona ou área xeográfica concreta. Trátase da futura Lei de protección da paisaxe, que converterá Galicia na terceira comunidade do Estado en contar cunha norma deste tipo. A súa finalidade non é outra que incidir no ordenamento territorial dende a percepción que a cidadanía ten dese espazo. "A Lei da paisaxe incidirá de forma determinante na planificación, introducindo un novo condicionante ás transformacións que se levan a cabo sobre o territorio", asegura o presidente do Colexio de Xeógrafos de Galicia, Ignacio Fernández López no marco dunha dunha charla sobre a Repecusión do ordenamento legal da paisaxe, que tivo lugar na facultade de Xeografía e Historia de Santiago.
Esta nova ferramenta materializarase na práctica nun estudo de impacto paisaxístico que, xunto ó estudo de impacto, deberán incorporar todos os proxectos que incidan sobre o territorio. "Non se trata de ver unicamente como esa actuación afecta ás plantas, ós animais ou ás canles, senón tamén á vista. Debemos ver como, por exemplo, unha industria ou unha urbanización vai quedar integrada no seu contorno, como pretende alterar o que está ó seu redor e, en consecuencia, decidir se é posible ou non", explica Antonio Prieto Cerdán, presidente estatal do Colexio de Xeógrafos. O fin último desta nova ferramenta de protección é precisamente acabar coa tendencia destes últimos anos de alterar a paisaxe e, por extensión, o territorio sen ningún control. "Ten que entrar en valor a vista. Introducir a mente humana na paisaxe. En definitiva: aplicar o sentido común", asegura Prieto Cerdán.
Esta nova concepción do territorio persegue compatibilizar o desenvolvemento sustentable cunha maior calidade de vida dos cidadáns. De aí, que a Lei da paisaxe promova a participación da sociedade. Desta forma, a norma prevé a inclusión dun estudo de integración paisaxística que, a través de simulacións e fotomontaxes, mostren o resultado final da obra. "A previsión do resultado final débese trasladar á cidadanía a través de foros e charlas para que expresen a súa opinión. Para que indiquen o que lles gusta e o que lles molesta porque, en definitiva, son eles os que conviven con ese contorno que vai ser modificada e son eles os que deben indicar que valores identitarios non poden ser alterados", indica o presidente do Colexio de Xeógrafos de España.
O factor económico tamén entra en xogo nesta nova concepción identitaria da paisaxe. Para Ignacio Fernández López, existen numerosos exemplos de como unha paisaxe senlleira supón un importante atractivo e reclamo turístico, vital para a subsistencia desa sociedade. "A Ribeira Sacra é un claro exemplo desa mestura de acción da natureza e intervención humana que converten ese territorio nun espazo singular que hai que protexer pola súa beleza e pola súa importancia económica", conclúe o representante galego dos xeógrafos.
.

Ningún comentario: