mércores, 30 de abril de 2008

¿QUE OCORRE CAS VERTEDURAS EN GALICIA?

De todos é sabido que Galicia soporta uns altos índices de contaminación e que os ríos sofren especialmente este problema. A industrialización de Galicia, incluso a máis recente, fíxose de lombos ao sentir social, ao avance tecnolóxico e á lei no que fai á minimización de verteduras refírese, xa que os últimos casos dos escapes de hidrocarburos ao Ulla e ao Miño ou o famoso Umia de cor turquesa por mor de Brenntag, non poden considerarse debidos á forza maior, ao imprevisible ou a un «acto de Deus», como din os ingleses.
Falamos de que a realidade se impón diante do esixido pola Directiva Marco da Auga e a consecución do bo estado ecolóxico porque chegamos tarde diante da indispensable reconversión ambiental do tecido industrial galego. Os casos do Ulla e do Miño van da man das rías de Vigo, Pontevedra e O Burgo, da falta de depuración axeitada en orixe dos numerosos polígonos industriais erguidos sen criterio territorial algún, co Porriño á cabeza; da consideración das rías como solo industrial e da inxente polución difusa agrogandeira e forestal. A todo iso hai que sumar a urbanización desatinada do territorio da última década, que alcantarilliza innumerables ríos e aumenta a contaminación e os custos do seu tratamento. O rocambolesco da depuración das augas residuais de Vigo xa serve de exemplo internacional para ilustrar o problema.
O caos de ordenación territorial é a consecuencia dunha colonización doméstica do territorio sen ningunha consideración ambiental, cuxas consecuencias económicas non se reducen a unhas paradas biolóxicas no marisqueo, senón que afecta a todo o ciclo productivo. A internalización dos custos ocultos mostraríanos que Galicia perde moito a curto, medio e longo prazo cando se vive de lombos ao mero sentido común e ás leis básicas da Natureza. Lembremos ademais os millóns de euros perdidos en depuradoras municipais pechadas por falta de mantemento aos poucos meses da súa inauguración co debido boato. Levamos desde a Conferencia de Estocolmo de 1972 falando de que «quen contamina paga», pero a tozuda realidade dinos que a captura do regulador e a falta de competencia real entre as empresas galegas converten dito lema en «contamina o que queiras», «paga e contamina» ou incluso en «contamina e cobra a túa subvención». Se engadimos o que os ríos galegos, propiedade de feito das empresas do sector, xa non son tales, pois convertéronse en enormes bañeiras en salto de auga para fins hidroeléctricos e perderon así o seu potencial depurador, os esforzos que dediquemos a reverter os efectos desta lacra serán cada día maiores.
.
Pedro Brufao Curiel Catedrático interino de Dereito Administrativo, presidente de AEMS Ríos con Vida

Ningún comentario: