sábado, 17 de maio de 2008

RECURSO CONTRA A DECLARACIÓN DE INVIABILIDADE DA CMA








NOTA DE PRENSA
.
UN RECURSO VECIÑAL PODE ABORTAR O PXOM DE VIGO
.
De ser estimado causaría a nulidade da aprobación por Política Territorial
.
A asociación Alternativa Veciñal (AV) decidiu, tras coñecerse a decisión da Consellería de Medio Ambiente, recorrer en vía contencioso-administrativa a resolución de 28/03/2008 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible que declara inviable someter o PXOM de Vigo ao procedemento administrativo de Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), de acordo co art. 7 da Lei 9/2006, de 28 de abril. Nosos servizos xurídicos ultiman a presentación de dito recurso.
.
A resolución da Consellería de Medio Ambiente (CMA) non só viola o espírito da lei, senón que incorre nunha utilización fraudulenta das directivas e leis ambientais que protexen o territorio, contravindo o dereito español e comunitario en materia de medio ambiente. É un insulto á verdade, á ciencia, ao rigor e á cidadanía. Demostra unha ignorancia asombrosa sobre como aplicar os principios de sostenibilidade, a realidade dos impactos desastrosos que produciron e producen os plans urbanísticos sen avaliación ambiental, e descoñece a importancia da orde e a escala nos mesmos. É unha decisión cega aos evidentes prexuízos sociais e ambientais, cuxa magnitude e importancia son obxectivas.
.
Sen dúbida o visto bo dado pola CMA ao documento de planeamento vulnera os principios que informan a directiva 2001/42/CE que trasponse ao noso dereito a lei 9/2006. A decisión constitúe unha renuncia de funcións por parte da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible ao non esixir o cumprimento da normativa con maior transcendencia en termos de xestión da sostenibilidade.
.
A estimación do recurso anularía a declaración da CMA, polo que debería someterse o Plan ao procedemento do artigo 7 da lei precitada. Iso comportaría a nulidade do Plan, e da decisión da Consellería de Política Territorial do aprobar, por faltar un trámite esencial para a súa aprobación. Segundo Domingo Resúa, secretario de AV, “o PXOM de Vigo é abominable e un proxecto que fracasará, algo que será unha noticia histórica e beneficiosa para Vigo”.


Vigo, 16 maio 2008

2 comentarios:

Unknown dixo...

xa vai sendo hora de ke deixedes o pxom tranquilo. hai moita xente ke esta en contra e sae desfaborecida e perxudicada , pero tamen ahi moita xente ke esta esperando este plan fai anos e anos... para poder empezar a facer a sua vida.Nunca vai estar a gusto de todos iso e imposible.

Anónimo dixo...

querido miguel na miña parroquia(que esta bastante alonxada do centro urban) van a facer dezaoito peris a maioria para facer chalets adosados levando por diante casas e leiras de xente humilde,os nosos fillos teñen que ir a o colexio polos canos da auga xa que non hai beiraruas;¿este e o progreso de vigo que fai guetos de primeira en barrios de segunda?