mércores, 11 de xuño de 2008

AO PRESIDENTE DA XUNTA

Carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia D. Emilio Pérez Touriño
.
SR. PRESIDENTE, NEGAR OS FEITOS NON É UNHA XUSTIFICACIÓN SUFICIENTE PARA APROBAR O PXOM DE VIGO
.
A poboación de Vigo creceu a metade que a da súa área no que vai de século (La Voz de Galicia, 26/05/2008). A influencia de Vigo nos concellos próximos é un feito; o aumento de poboación é un exemplo. Estes municipios constitúen, hoxe, un ámbito cuxa realidade e importancia deben ser consideradas á hora de ordenar o territorio. Algo que non sucedeu co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo.
.
Precisamente, vendo o PXOM de Vigo desde unha perspectiva ambiental é como mellor pode observarse a necesidade dun cambio de escala, unha amplitude de miras; pero tamén dunha nova Administración, e unha nova clase dirixente. Coa aprobación do PXOM de Vigo, o PSdeG-PSOE demostrou non ser o partido que ha de impulsar este cambio. A súa conduta revela ausencia da vontade, fortaleza e valentía necesarias, ata para cumprir as súas promesas electorais: na Xunta de Galicia, non aplicou a lei, negou os feitos, e impediu evaluar o Plan. No Concello de Vigo, han relevado ao PP na infame tarefa de aprobar un Plan ilegal, pola mesma conveniencia que o PP deu un si ao BNG: ostentar a alcaldía e gobernar.
.
Como vostede sabe, o modelo de crecemento de Vigo recollido no PXOM é insostible. A súa tramitación ha adolecido de total falta de garantía legal e democrática. Os partidos no Concello atenderon máis aos seus intereses particulares que defender o interese xeral... Cunha Avaliación Ambiental Estratéxica rigorosa do PXOM de Vigo teríase posto en evidencia estas e outras cuestións relevantes, que teñen que ver coa degradación e destrución da paisaxe e os recursos, a habitabilidade e a calidade de vida; a garantía xurídica das decisións administrativas, e a calidade democrática dos gobernantes e representantes públicos no Concello. Pero os estudantes non quixeron ser evaluados para evitar recibir unha cualificación de moi deficiente.
.
Hoxe, Vigo é un Concello que se cae como o seu Casco Vello; que está contaminado como o Lagares, a ría e o contorno do Zondal; que se descompón como a súa autoridade en materia de legalidade urbanística. A participación efectiva non está garantida; a transparencia diminúe ao mesmo tempo que aumenta a contaminación; a democracia retrocede ao mesmo ritmo que progresa a corrupción. Mentres BNG, PP e PSdeG-PSOE teñen secuestrada a Carta Magna no concello; fóra, o pobo reclama a súa soberanía e os seus dereitos constitucionais.
.
Non parece que negar os feitos poida considerarse o dereito dun Goberno nun Estado social e democrático de Dereito.

Ningún comentario: