martes, 17 de xuño de 2008

CORRUPCIÓN, CORRUPCIÓN, CORRUPCIÓN...

Patrimonio obriga a demoler 67 vivendas do irmán do ex alcalde de Ortigueira
.
O Concello deu licenza á inmobiliaria para construír xunto a un castro
.
A concesión de licenza ao seu irmán para construír 67 vivendas no contorno do castro do Campo da Torre, en Ortigueira, acabou en multa e orde de restitución da legalidade urbanística. O anterior goberno local do PP, presidido por Antonio Campo, autorizou en agosto de 2006 á inmobiliaria Os Celtas, da que o seu irmán José é administrador, a construír nunha zona pegada aos restos do castro.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta acaba de decretar unha sanción de 24.000 euros ao concello, ao que obriga a restituír a legalidade urbanística.
O Campo da Torre é un elemento emblemático que confire carácter singular á paisaxe de Ortigueira, e tamén un apetitoso pedazo de terreo próximo ao mar. O seu interese arqueolóxico recoñécese no catálogo de bens patrimoniais do planeamento de Ortigueira, do que deriva a súa protección pola Lei do Patrimonio de Galicia. Ademais, a normativa municipal prohibe calquera tipo de construción nun radio de 100 metros ao redor dunha zona arqueolóxica catalogada.
A pesar diso, os técnicos da Consellería de Cultura constataron en agosto pasado "a afectación do xacemento arqueolóxico" polas obras da inmobiliaria do irmán do entón aínda alcalde. O seu informe recolle que levaron a cabo obras de desmonte e construción de cimentacións e muros pantalla para a estrutura das vivendas, "afectando á ladeira do Castro de Campo da Torre pola súa vertente norte, en terreos situados dentro do contorno de respecto do xacemento arqueolóxico catalogado, e afectando especialmente a un aterramento pegado ao área de protección integral do mesmo".
O informe do arqueólogo da delegación da consellería, asinado o 20 de agosto pasado, é concluínte: "O impacto sobre o ben protexido considérase severo, xa que a distancia das obras é inmediata ao área de protección integral do castro, afectando gravemente a un aterramento vinculado ao castro pola súa vertente norte, tendo un efecto negativo, inmediato irreversible e irrecuperable". A Dirección Xeral de Patrimonio actuou tras recibir, en setembro de 2007, unha denuncia relativa á construción das vivendas nunha parcela situada dentro da zona de protección do castro. Ao expediente sancionador presentou alegacións o Concello de Ortigueira, nas que argumentou que a licenza outorgouse en solo urbano de núcleo rural, fóra da delimitación que os planos municipais realizan do castro, e que non sería polo tanto precisa a autorización da Xunta.
.
Sen autorización
.
Á impugnación do Concello replica Patrimonio que, con independencia da cualificación do solo, no ámbito do castro é de aplicación específica a normativa de protección histórico-artística. "A licenza municipal nunca pode substituír a preceptiva autorización desta consellería, independentemente dos plans de desenvolvemento da normativa urbanística do concello", sostén o expediente de Cultura.
José Campo, administrador dos Celtas Promocións de Vivendas, SL, é tamén dono de empresas como Lousas Lombao, e considerado pola oposición municipal como a persoa máis influente no seu irmán Antonio durante o seu mandato como alcalde. Antonio Campo tamén está implicado no corte de subministración de cuarcita para a Cidade da Cultura, que lle foi adxudicada pola Xunta durante o mandato do PP.

Ningún comentario: