xoves, 5 de xuño de 2008

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

COMUNICADO DE PRENSA
.
Colexio Oficial de Biólogos de Galicia - COBGA
.
Día Mundial do Medio Ambiente – 5 de xuño de 2008 …
.
Os biólogos apostan por optimizar o control ambiental nas industrias galegas, mediante tecnoloxía que permita diminuír as emisións e mellore a calidade dos vertidos.
Destacan que con esta medida se favorecería a recuperación do valor natural dos ríos galegos.
.
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2008 (Vía Láctea Comunicación).- Mañá xoves conmemórase o Día Mundial do Medio Ambiente. Esta celebración ten a súa
orixe en 1972, na Conferencia de Estocolmo, na que a Asamblea das Nacións Unidas analizou os problemas do medio, ao tempo que se creou o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA). A finalidade deste Día é concienciar sobre o ambiente a escala mundial, ademais de promocionar a acción política neste eido.
Para a celebración deste ano Nacións Unidas elixiu como tema o cambio climático e a crecente xeración de gases de efecto invernadoiro. Con motivo da efeméride, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia -COBGA- quere manifestar a súa gran preocupación pola influencia que a contaminación ambiental provocada en Galicia pode ter sobre o cambio climático a escala local e tamén global.
.
Concentración da poboación na costa e maior uso do transporte privado
.
Os biólogos galegos sinalan que “o medio natural na nosa comunidade autónoma
sufriu ao longo das últimas décadas unha deterioración evidente, como consecuencia de profundos cambios sociais que teñen contribuído a potenciar, por un lado, un incremento na contaminación ambiental, cun elevado grao de degradación do litoral galego, véndose especialmente afectada a riqueza biolóxica nas rías”. Por outro lado, os biólogos destacan unha maior concentración da contaminación atmosférica, como consecuencia da concentración da poboación en torno aos núcleos da costa, deixando deshabitado o medio rural. E, ademais, fan referencia a unha deterioración da calidade do aire debido a un uso cada vez maior do transporte privado.
Dende o COBGA inciden na necesidade de que Galicia recupere o valor natural do
seu territorio, para o que apostan por unha serie de medidas destinadas á “mellora do medio ambiente a escala autonómica e tamén global, á redución dos gases que producen o efecto invernadoiro, á restauración da calidade do medio acuático, á potenciación da calidade paisaxística e á recuperación do valor natural e social dos terreos, coa conseguinte recuperación da calidade de vida”. Así, o Colexio apoia a declaración do Parque Natural dos Ancares e insiste na necesidade de “que o Ministerio de Medio Ambiente manteña a súa personalidade no súper Ministerio recén creado, lonxe de criterios estritamente produtivistas”.
.
Os biólogos galegos avogan pola recuperación do medio rural
.
Entre as medidas propostas dende o Colexio destaca “a mellora na explotación racional e ordenada dos recursos vivos, fomentando o equilibrio ecolóxico e o consumo sostible”. Así, os biólogos manifestan que “o fomento da recuperación do medio rural contribuirá a autosatisfacer a demanda de produtos agrarios, a unha distribución sostible da poboación, á recuperación do valor dos terreos e á diversificación das actividades económicas con interese para o desenvolvemento e a competitividade da comunidade galega”.
Por outro lado, o colectivo propón “a mellora da calidade paisaxística, mediante a aplicación de políticas que sirvan para preservar a beleza de Galicia como valor
natural, económico e social”. Trátase de medidas como a restauración de espazos
naturais degradados ou a aprobación da Lei de Protección da Paisaxe -que permita planificar a calidade visual do noso contorno-, destinadas a contribuír ao incremento da conciencia social sobre a necesidade de preservar o medio. Outra das medidas suxeridas polo COBGA é “a mellora na participación cidadá nos procesos de decisión, mediante o incremento nas implantacións de modelos de xestión sostible no ámbito local e o impulso ás Axendas 21 Locais en Galicia.
Os biólogos apostan pola mellora no control ambiental nas industrias, mediante a aplicación de tecnoloxía que permita a diminución das emisións e dos vertidos, así como optimizar a xestión dos residuos. Dende o COBGA declaran que “unha mellora na calidade dos vertidos e unha diminución dos mesmos favorecerá a recuperación o valor natural dos sistemas fluviais galegos e o seu uso social como pode ser a pesca deportiva e outros usos recreativos. Outra das medidas pola que avogan é a mellora na eficiencia dos sistemas de consumo enerxético, optimizando o aproveitamento dos recursos renovables e fomentando a redución do consumo.
.
Os biólogos apostan polo fomento da mobilidade colectiva e a construción de vivendas eficientes
.
O COBGA incide na mellora na sostibilidade ambiental á hora de planificar o desenvolvemento urbano en Galicia. “O fomento da mobilidade colectiva e a construción de vivendas eficientes contribuiría de maneira decisiva ao control do
consumo de combustibles que xeran gases de efecto invernadoiro, ao tempo que se reduciría a dependencia enerxética exterior” -manifestan-. Ademais, o colectivo considera necesario “unha mellora na sensibilización ambiental, mediante o fomento de accións formativas e campañas orientadas aos diferentes sectores da sociedade”.
O Colexio de Biólogos de Galicia reivindica o papel do biólogo como “profesional imprescindible para levar a cabo todas estas melloras, priorizando os criterios técnicos en medio ambiente sobre os políticos ou os meramente económicos”.

Ningún comentario: