martes, 29 de xullo de 2008

BANDEIRA NEGRA PARA MOAÑA

Novamente amencer as augas do areal de Meira, no municipio de Moaña, cunha enorme capa de espuma, restos fecais e aceites.
.
Orixinados, probablemente, por verteduras de augas residuais non depurados, a limpeza prohibido dalgunha embarcación ou unha vertedura ilegal industrial. Esta situación repítese a miúdo. E non só en Moaña senón en toda a Ría de Vigo, así como no litoral español. A falta dunha xestión municipal adecuada pon en perigo a pesca artesanal e o marisqueo. Así mesmo prexudica á nosa saúde ao bañarnos e cando comemos peixe ou marisco contaminados. Por esta razón, o pasado 23 de xullo as organizacións Ecoloxistas en Acción e Verdegaia e a rede A Ría Non Vende presentaron o informe Bandeiras Negras 2008 sobre a alarmante situación dos ecosistemas litorais, e concederon 16 Bandeiras negras ás zonas máis agredidas do litoral vigués. Entre elas, Moaña. A Ría de Vigo está ameazada fundamentalmente pola especulación urbanística desmesurada, a ampliación de infraestruturas como o porto de Vigo e os portos deportivos, os recheos, así como a escasa e inadecuada depuración das augas residuais e verteduras industriais, que xeraron zonas con altos niveis de sustancias tóxicas que destruíron ecosistemas mariños, que no caso de Moaña están afectando ás actividades marisqueiras.
O Concello moañés presenta un litoral moi afectado por instalacións industriais, paseos marítimos, recheos, depuradoras deficitarias, verteduras sen depurar á ría ao longo da costa por falta de separación de augas pluviais de fecais no sistema xeral de saneamento. A construción do dique do porto pesqueiro de Meira, situado na Illa de Samertolameu, os recheos para naves industriais, e as verteduras de augas residuais provocaron que a ensenada de Meira de gran valor ecolóxico e produtivo, converteuse nunha cloaca pola contaminación, a alteración das correntes mariñas e a falta de renovación das súas augas. Urxe unha rexeneración e un observatorio municipal do litoral que funcione todos os días do ano para impedir verteduras como o que atopei esta mañá.
.
TOM KUCHARZ

Ningún comentario: