domingo, 6 de xullo de 2008

PRIORIDADES

En Galicia gastámonos moitos millóns en alfombras persas antes de comprar as escobas que necesitabamos para varrer o chan. O litoral galego, da Guarda a Ribadeo, é case un continuo paseo marítimo, pero ata o ano 2011 (con sorte) non estará completo o plan de saneamento integral das rías. Asumamos o erro: non acertamos na atención das prioridades.
A recuperación dalgunhas fachadas urbanas para usos cidadáns foi un acerto, a pesar dalgún caso de dubidoso resultado estético. Pero, logo de gastar alegremente recursos cando fluían en abundancia das billas da UE, enfrontámonos á realidade do que se esconde baixo os empedrados do litoral. E habemos de soportar, ademais de prexuízos ambientais e económicos, a vergoña dun informe como o de Greenpeace, no que Vigo, O Burgo ou Corcubión figuran entre os puntos negros de España por contaminación mariña.
De pouco serve que o conselleiro de Medio Ambiente tache o estudo de inxusto, antigo e amarillista. O seu propio razoamento desmonta a descalificación: «Se este informe o fixesen público o día antes de tomar posesión este Goberno podería crelo, pero dende que goberna a actual Xunta, non é esa a Galicia que eu coñezo». Quizais el non, pero por desgraza os conveciños do conselleiro aínda coñecen espazos ambientalmente degradados. Outra cousa é que calquera entende que as desfeitas e descoidos de moitas décadas non se solucionan nunha lexislatura, por moitos esforzos que se fagan. E este goberno fainos (lei da paisaxe, limitacións construtivas no litoral, licitación de saneamentos...), pero os resultados aínda están por ver.
Sexamos amables cos turistas, como nos pide a Xunta. Evitémoslles, por exemplo, un paseo por lugares de cheiro nauseabundo ou paisaxes tapiados por inmensos galpóns. Pero mentres démonos présa en arranxalo.
.
Carlos Agulló

Ningún comentario: