sábado, 13 de setembro de 2008

ORDENACIÓN DESCONTROLADA NO LAGARES

Máis de 500 empresas están instaladas nas ribeiras do Lagares, moitas con pozos negros
.
Son infrapolígonos que, en palabras dun empresario, «foron nacendo como cogomelos pola necesidade dos industriais de situarse antes de que a zona estivese acomodada».
.
Máis de 500 empresas viguesas (posiblemente case 700) se apilan nun reguero de diferentes áreas industriais que xurdiron nas décadas dos anos sesenta e setenta xunto á canle do río Lagares, e que nada teñen que ver coas zonas empresariais que se esixen na actualidade. Unha maraña industrial sen medidas de seguridade, pegada a zonas residenciais, sen rede de sumidoiros e saneamento de augas, e con dificultades para enlazar con vías terrestres de alta capacidade que engulan o tráfico continuo de camións. Son infrapolígonos que, en palabras dun empresario, «foron nacendo como cogomelos pola necesidade dos industriais de situarse antes de que a zona estivese acomodada».
Moitas naves chegaron antes que os viarios, que as comunicacións e que o sistema de condución e aliviadoiro de augas negras, que nalgúns casos segue sendo por medio de pozos negros e noutros, verteduras ao río. Estará contaminado o subsolo do contorno?. Trátase, entre outras, das zonas de Sárdoma, Lavadores, Fragosiño, A Bagunda, Gandarón e Gorxal.
Á marxe de provocar malos cheiros e xerar unha importante agresión visual e ambiental, tanto acústica como polos residuos sólidos e líquidos que xeran, moitas destas industrias están próximas a zonas residenciais coas que non gardan as cotas mínimas de seguridade.
Pero tamén son unha trampa para os propios empresarios. «Vender unha nave destas ou tratar de realizar unha ampliación é case imposible», confesa un empresario.
.
«Dá medo vir de noite»
.
«Ninguén podería vender a outro investidor unha nave nesta localización, insiste animado polo anonimato, porque está absolutamente obsoleta e sucia, e dá medo vir de noite. Segues traballando aquí porque non hai remedio. Prodúcese en precario porque os servizos son mínimos, e tampouco podemos seguir crecendo. Cara a onde?, se non hai un metro libre».
.
la voz

Ningún comentario: