xoves, 30 de outubro de 2008

DESCOBREN MARISCO EN MERCURIO

.
Altas doses de mercurio nun área marisqueira de Pontevedra.
...
Análise de Greenpeace detectaron nun área marisqueira de Lourizán (Pontevedra) unha dose de mercurio que triplica a presenza normal desta sustancia en chans non contaminados. Esta zona marisqueira, denominada punta Praceres, coincide, segundo a agrupación ecoloxista, co lugar onde a empresa de cloro Elnosa vertía os seus efluentes ata 2003. Para Greenpeace, esta persistencia da contaminación cinco anos despois de que se suspendesen as verteduras alerta "dos parámetros" de toxicidade que presentan os derrames que a compañía realiza actualmente mar dentro, fronte á illa de Tambo.
Os sedimentos recollidos na praia presentan 1,5 miligramos de mercurio por quilo, mentres que a cantidade deste metal nun río non contaminado, por exemplo, está por baixo dos 0,4 miligramos. "Elnosa opera pondo en risco a saúde dos galegos e o medio ambiente", afirma Sara do Río, de Greenpeace. Os ecoloxistas aseguran que o metal, ao entrar en contacto coa auga, transfórmase en metilmercurio, unha sustancia "sumamente tóxica" que pasa á cadea alimentaria.
Elnosa leva funcionando ao pé da ría de Pontevedra desde 1966 e ten permiso para seguir facéndoo ata 2011. A factoría utiliza a técnica de celas de mercurio, unha tecnoloxía para producir cloro que, segundo Greenpeace, foise substituíndo no resto de Europa polo seu carácter contaminante. Oito das nove plantas do sector en España optan por este sistema "obsoleto" que, co permiso do Goberno, poderán manter ata 2020, a pesar de que as recomendacións europeas animan a desterralo en dous anos.

Ningún comentario: