xoves, 23 de outubro de 2008

METAIS PESADOS NO RIO EUME

O uranio na conca do Eume supera o limiar recomendado.
.
Análises realizadas polo Departamento de Enxeñería Química da Universidade da Coruña detectaron niveis excesivos de metais pesados nun afluente do río Eume. Segundo as medicións dirixidas polo profesor Manuel Soto, o río Lavadoiro, cuxas augas van parar á canle que baña as fragas, presenta unha cantidade de aluminio que multiplica por 2.870 os limiares recomendados pola ONU, uns límites superados 24 veces no caso do uranio.
O estudo, realizado por encargo da asociación ecoloxista Adega, rexistra unha "preocupante" presenza de metais tóxicos. O arsénico multiplica por 4,7 os límites establecidos no Real Decreto 995/2000 sobre os obxectivos de calidade de augas en relación con sustancias contaminantes. As cantidades de cromo no río Lavadoiro son 2,2 veces superiores ás establecidas nesta norma estatal. Esta canle -que desemboca no río Chamoselo, un afluente do Eume- recolle, segundo Adega, as escorrentías das obras de construción da autovía Ferrol-Vilalba e do parque empresarial de Airós (As Pontes).
.
Á cadea trófica
.
Non é a primeira vez que os traballos da autovía son sinalados como causa de problemas ambientais. A Consellería de Medio Ambiente culpa a estas obras da morte en xuño de centos de peixes do parque natural das Fragas. Os movementos de terras dispararon a acidez das augas do río, polo que Medio Ambiente puxo en marcha "medidas de choque" para subir o pH. "Os labores da consellería para recuperar o pH", critica Adega, "deixan sen tratar outra preocupante consecuencia das verteduras: a cantidade de metais pesados que están sendo inxectados na conca do Eume e que, en moitos casos, pasan directamente á cadea trófica".
Os ecoloxistas alertan da crise "crónica" que sofre o Eume, castigado por "décadas de verteduras mineiras" procedentes da explotación de Endesa nas Pontes, que fan que nalgúns tramos a canle estea "practicamente morto". O próximo golpe, advirte Adega, recibirao do lago que esta empresa pretende executar no oco da mina, xa pechada. O fondo do xacemento ten "os mesmos materiais e algúns ata máis tóxicos" que as obras da autovía. O lago será, vaticina Adega, unha "perigosa balsa ácida que verterá augas ao Eume".

Ningún comentario: