mércores, 29 de outubro de 2008

O GOBERNO DE VIGO, A DERIVA.

O goberno de Vigo recoñece agora que non selará as verteduras ao Lagares
..
O Concello "pide" ás empresas que non contaminen e descarta sancións
.
A administración local non sabe aínda cantas empresas hai xunto ao río O pasado 6 de outubro, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciaban que clausurarían entre 15 e 22 desaugadoiros ao río Lagares nunha política "estrita" contra as empresas contaminantes. O prazo que se deron para facelo foi de 15 días. Agora, os técnicos déronse conta de que os colectores serven para evacuar augas pluviais e non se selarán, a menos que se detecten verteduras contaminantes. É máis, da "tolerancia cero" pasouse a unha mensaxe moito máis suave, para tratar de atopar solucións "amigables" coas empresas nun marco "non sancionador".
O portavoz municipal, o socialista Carlos López Font, explicou onte que este labor estaa levando a cabo unha "patrulla ambiental" formada por unha ducia de policías municipais e dous técnicos de Augas de Galicia, que leva un mes percorrendo a canle do río para elaborar un censo. O concello recoñece que, ata que non tivo nas súas mans esa relación de industrias, o seu descoñecemento sobre o número de fábricas instaladas na zona era "total e absoluto", e culpa a gobernos anteriores, en especial ao do Partido Popular, de non facer os deberes.
A "patrulla" visitou 114 empresas e recolleu mostras que se analizarán no laboratorio municipal. De paso recomendou a cada peme que se poña ao día" nas súas obrigacións ambientais. Moitas desas empresas dirixíronse a xestorías para regular a súa situación. E iso é todo.
A negativa do concello vigués a sancionar as irregularidades baséase, segundo o equipo de goberno, en que, ata o próximo mes de novembro, non se actualizará o importe das multas reguladas na ordenanza municipal de Medio Ambiente, de 1994. Esa disposición "recolle sancións máximas de 90 euros", cantidade pouco disuasoria para os infractores. Coa nova redacción, as multas poderían chegar aos 3.000 euros e ata se contempla o cesamento de actividade. Para López Font, "foi un primeiro aviso" ante o "descoñecemento xeneralizado" que a patrulla, dirixida polo oficial Xulio Casal, detectou.
A abundante lexislación ambiental á que as empresas están sometidas dificulta, segundo recoñecen as propias organizacións empresariais, a adaptación das pemes. De xeito simplificado, cada industria ten que catalogar os seus propios residuos e encargarse do seu adecuado tratamento a través dun xestor autorizado, normalmente, unha empresa externa. "Unha lámpada ou a tinta da impresora, por pór dous exemplos, son desperdicios que non se poden depositar nun colector", sinalan desde o departamento de Medio Ambiente da Cámara de Comercio de Vigo.
Pero o problema de verteduras ao río Lagares tamén se estende a moitas vivendas. O concelleiro López Font recoñece que na propia desembocadura, preto da praia de Samil -un areal no que cada ano ondea a bandeira azul-, un importante bloque de apartamentos construídos en 1967 segue sen estar conectado á rede municipal de saneamento.
.
El Pais

Ningún comentario: