martes, 23 de decembro de 2008

A COMPAIXÓN DUNHA CONSELLEIRA

Os desgustos e as malas novas
http://novas.xunta.es/node/13072
.
A conselleira de Política Territorial afirma que, os sucesivos pronunciamientos do TSX de Galicia en contra do PXOM de Ourense, produciron desgustos, e cualifícaos como malas novas. Quen ten a responsabilidade de velar pola legalidade dos plans, parece así expresar o estado de ánimo de quen elaboraron o PXOM e aprobárono -pesar, desazón moral, pesadumbre-, e non a valoración dun feito fundamental nun Estado social e democrático de Dereito, como é que a Xustiza anule un Plan claramente ilegal. Nada di dos prexudicados inxustamente polo Plan, nin do sentir dos que o denunciaron; nada do tempo perdido, nin do diñeiro público malgastado.
Recentemente, tamén declarou a conselleira que sería malo para Vigo que o TSX de Galicia anulase o PXOM de Vigo, un Plan que incumpre a legalidade, sobre o que pesan numerosas demandas xudiciais, e que pode resultar anulado.
.
Sobrarían os comentarios se non fose PORQUE:
.
1.- Existen antecedentes de actuacións irregulares ou claramente ilegais en materia urbanística nos concellos; como, por exemplo, a reincidente conduta de outorgar licenzas ilegais no Concello de Vigo. Destes feitos, en pura lóxica, pódese inducir que
-
2.- O comportamento dos partidos gobernamentais, é claramente contraria aos principios constitucionais abusando dos poderes e prerrogativas que lles dá ocupar postos en órganos decisorios para adoptar resolucións, tomar acordos e dar ordes cuxos beneficiarios son intereses privados que atentan contra o interese xeral e prexudican a outros cidadáns. É tan irresistible a tentación, tan forte o interese, tan improbable que os partidos gobernamentais denúnciense entre eles, tan evidente a falta de control e de garantías, tan difícil o castigo e tan segura a impunidade, que beneficiar a un particular ou empresa e prexudicar, directamente, a outros cidadáns e ao interese xeral -incumprindo as obrigacións e o compromiso cos cidadáns, removendo canto funcionario informe en contra, e saltar por encima da lei- constitúen hoxe accións esperables. Como consecuencia,
.
3.- Os cidadáns afectados son convertidos en vítimas. En primeiro lugar pola violencia cometida ao aprobar un Plan ilegal. Os partidos no poder, logo de converter un dereito democrático, como é a participación cidadá -esforzada, cara, e coa propia Administración en contra-, nun rito baleiro, consuman a aprobación protexidos pola policía municipal e sen que os cidadáns poidan impedilo legalmente. E, en segundo lugar, porque a Administración de Xustiza non pon as cousas fáciles aos cidadáns para denunciar. A súa lentitude, ritualismo, afastamento e carestía actúan como elementos disuasorios e favorecedores do máis forte -neste caso, o Concello e a Xunta-, e por outra banda é obvio que non se toman as mesmas cautelas para aprobar un plan que para restaurar a legalidade, xa violada polo propio plan. Ao final, a propia Administración de Xustiza convértese, para as vítimas, nunha administración de caridade. Estes feitos lévannos a concluír que
.
4.- É manifesta a indefensión dos cidadáns prexudicados fronte ao poder executivo e o poder xudicial que, na práctica, parecen inclinarse máis por ser compasivos con quen incumpre a lei que por estar ao servizo das vítimas.

Ningún comentario: