domingo, 21 de decembro de 2008

É MOI IMPORTANTE ATALLAR A TEMPO A CORRUPCIÓN URBANÍSTICA

Entrevista/ Carlos Varela, fiscal superior de galicia.
.
«É moi importante atallar a tempo a corrupción urbanística»
.
O fiscal Carlos Varela considera que «hai unha incompatibilidade manifesta» entre a figura do alcalde, como garante e defensor da legalidade, e a do promotor
,
.
«Cando a sociedade ten un problema, desde a Fiscalía preguntámonos que podemos aportar para buscar solucións. E se non o facemos nós, ¿quen o vai facer? ¿Ninguén? ¡Pois fagámolo!». É o punto de partida de Carlos Varela García (O Carballiño, 1956), fiscal superior de Galicia, denominación esa que substitúe á de fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza, cargo que ocupa desde o 2004.
Para remarcar esa afirmación, Varela destaca que desde a Fiscalía puxéronse en marcha investigacións sobre asuntos que preocupan a Galicia e que teñen relevancia penal, como os incendios forestais, a siniestralidade laboral, os accidentes de tráfico, os ataques ao medio ambiente ou o urbanismo, un dos aspectos máis traballados desde a Fiscalía.
-¿O urbanismo require un tratamento especial?
-Atopámonos cunha legalidade urbanística que moitas veces era conculcada cun interés especulativo que, e iso é o máis perigoso, pode ser unha fonte de comportamentos corruptos que é moi importante atallar a tempo para non atopar situacións como noutras zonas de España.
-¿E como se atallan?
-Unha das liñas estratéxicas da Fiscalía foi sempre actuar de maneira preventiva ante a corrupción urbanística. Sobre todo porque co valor do solo e coas operacións de recalificacións de terreos un pode poñerse rico da noite para a mañá, e iso é moi tentador. Por iso aí poñemos a lupa.
-Entón, ¿a corrupción urbanística é un risco en Galicia?
-É un risco evidente e coñecido. Polo tanto, sabemos que temos que estar moi atentos.
-¿Unha chamada de atención a alcaldes, promotores...?
-É unha chamada de atención a quen teña ese tipo de tentacións, que debe saber que hai unha Fiscalía accionante. Temos que estar atentos nós, pero tamén os concellos cos seus secretarios e tesoureiros, que teñen que exercer os controis. E a Xunta, que debe estar atenta anulando planeamentos ou licenzas se non son procedentes. E vixiar as incompatibilidades de determinados cargos. Falamos da figura do alcalde, que ten que ser defensor da legalidade, pero que se ao mesmo tempo é promotor pode ter a tentación de conculcar a legalidade para favorecerse. Parece que aí hai unha incompatibilidade manifesta.
-As contas do fútbol tamén parecen preocupantes.
-En principio, iso é competencia dos xulgados mercantís. A Fiscalía só pode intervir cando hai comportamentos penais, como falsificación de compatibilidades ou apropiación de diñeiro en prexuízo dos socios.
-No caso do Deportivo houbo queixas dos socios.
-Non me consta absolutamente nada no tema do Deportivo. Non houbo ata agora denuncias no sentido de ilegalidade penal, polo tanto non podo dicir nada.
-Outro tema, en Aranga apareceu unha residencia de maiores clandestina.
-É unha gran preocupación da Fiscalía, que ten un sección especializada en incapacidades. En Aranga, ademais da vía aberta nun xulgado de Betanzos, a Fiscalía investiga se todos os internos estaban incapacitados e tiñan un titor. Se estaban alí pola súa vontade. Os fiscais especialistas visitan as residencias para controlar ás persoas en situación de incapacidade e o seu patrimonio. É un asunto prioritario para a Fiscalía, e eu mesmo insístolle aos fiscais sobre a necesidade de que haxa un bo control deses centros.
-¿Cre que a sociedade percibe esa labor case social da Fiscalía?
-A Fiscalía actúa no ámbito penal, tratando de aplicar a normativa. A veces, as fiscalías eran concibidas como entidades burocráticas que ían aos xuízos. E a sociedade preguntábase que facemos cando aparecen os grandes problemas sociais. Pois a Fiscalía fai as aportacións que lle correspondan sempre que poda aportar análise e solución de problemas.
-Aínda así hai moitos comportamentos delictivos.
-O importante é que cando se producen sexan detectados e atallados. Así dáselle un aviso á sociedade de que os organismos que temos a función de vixilancia e control estamos funcionando, que non estamos debilitados, que nos adaptamos á modernidade e que seguro imos dar unha resposta.
-Parece toda unha mensaxe.
-A mensaxe é que a Fiscalía vai actuar sempre que aprecie comportamentos prohibidos polas leis penais, calquera que sexa o ámbito no que se produzan e calquera que sexa a persoa implicada. Somentes nos fixamos nos feitos. É dicir, que a Fiscalía sempre vai actuar fronte ao infractor urbanístico, fronte ao condutor temerario, fronte ao contaminador, fronte ao que provoque incendios forestais ou fronte ao empresario que non toma medidas de protección cos seus traballadores.

Ningún comentario: