domingo, 25 de xaneiro de 2009

A OPOSICIÓN DE ESPARTACO

Uns entenden a insubmisión xogando no azar dun «depende». É dicir, se os que gobernan son os nosos, o substantivo insubmisión non existe. Se son os outros, que non nos pagan nin nunca pagarán, hai que ser insubmiso e defensor a ultranza de todas as liberdades. Espartaco era un insubmiso: rebelábase. Pero non contra o imperio, senón contra a falta de liberdade, a arbitrariedade e o oprobio. Contra o inmoral. Neste país a libre conciencia non cotiza alto. Por iso hai intelectuais que defenden a solemne ridiculez do vídeo promocional do Bloque, co seu líder convertido en Espartaco: con toda probabilidade unha das mostras máis simples do audiovisual galego en toda a súa historia recente. Un non sabe se o natural é rir ou, por contra, desolarse. Que o BNG chegase a este punto produce asombro. Pero o asunto do vídeo, e os seus apoios no mundo intelectual, xa é pecado menor. Que o BNG pense que é moral convocar oposicións a poucas semanas dunhas eleccións, autonómicas, énchenos de perplexidade. E que o sindicato nacionalista non o discuta (a non ser individualmente) abócame ao absurdo. O relevante non se centra en que non se pode deter o proceso opositor. O relevante sería reafirmar os principios que algunha vez defendeu o Bloque. Porque se as oposicións que antes das eleccións convocaba Fraga eran perversas, estas tamén o son, por moito que o sindicato e o partido coincidan esta vez. O moral é rebelarse contra a arbitraria imposición. Contra a inxustiza, como Espartaco. El e o actual líder do BNG pouco teñen en común. Un vídeo, simplemente.
Xosé Carlos Caneiro

Ningún comentario: