mércores, 7 de xaneiro de 2009

SUSPENDE PAGOS UNHA EMPRESA DA QUE SON ACCIONISTAS SOGAMA EO IGAPE

Tecnoambiente está presidida por un ex director xeral de Industria de Fraga.
.
Á Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) crécenlle os problemas, pero non está soa. O Xulgado do Mercantil número un da Coruña admitiu a trámite o concurso de acredores presentado por Tecnoambiente Galicia, a única empresa na que a compañía de maioría pública presidida por José Álvarez Díaz tomou parte como accionista, da que posúe un 10% do capital. A suspensión de pagos da firma, con sede e instalacións en Cerceda e cuxo obxectivo consistía en levantar unha fábrica para producir combustibles a partir de derivados plásticos, tamén arrastra a outro dos seus accionistas significativos, pertencente ao sector público, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía. Agora controla practicamente un 21% de Tecnoambiente Galicia a través da xestora de capital risco Xesgalicia. As participacións de Sogama e Igape suman algo máis do 30% da empresa, tanto como o seu maior accionista individual, o empresario Epifanio Campo, vinculado ao sector cerámico e ás finanzas.
Presidida por Joaquín del Moral, director xeral de Industria durante máis dunha década en sucesivos gobernos de Manuel Fraga, Tecnoambiente Galicia solicitou o concurso de acredores o pasado 14 de novembro, e recoñeceu ante o xuíz a súa incapacidade para facer fronte aos seus acredores cun pasivo exixible de 4,3 millóns de euros. A solicitude do concurso foi presentada de forma voluntaria, e no balance da memoria da compañía fanse constar uns activos de sete millóns de euros. O titular do Xulgado do Mercantil número un, Pablo González-Carreró Fojón, designou nun auto como administradores concursais da empresa ao economista Ramón Xoga Costa, a Rafael Pereira González e a un representante legal de Caixa Galicia, o maior acredor da compañía. O Banco Galego, do que Epifanio Campo é accionista e conselleiro, tamén é outra das principais entidades financiadoras de Tecnoambiente Galicia, e atópase entre os seus acredores, segundo aclaran os administradores.
Desde que se presentou o concurso, nin o Igape nin Sogama informaron da situación procesal da súa participada. No seu consello de administración sentan José Manuel Ortigueira, en representación de Xesgalicia, e o propio presidente de Sogama, José Álvarez Díaz. A participación do Igape concrétase a través do fondo Emprende, segundo fontes da compañía.
O certo é que Tecnoambiente Galicia, que naceu en 2005 como un proxecto de I+D para producir combustibles a partir dos residuos plásticos, non chegou sequera a inaugurar a súa planta, nas inmediacións da de Sogama, en Cerceda. A empresa non pasou da fase de probas, e traballou nun principio no desenvolvemento do denominado ecodiésel. Este produto ecolóxico ía ser utilizado, segundo anunciou Sogama cando, en 2006, entrou no seu accionariado, na flota de camións que a diario realizan os transportes de residuos desde as plantas de transferencia ata o complexo ambiental situado en Cerceda.
Do Moral, ex director xeneral de Industria e vinculado agora ao sector eólico, sobre todo nas Somozas, representa no capital de Tecnoambiente a Epifanio Campo e tamén a Edelmiro Añón, antigo propietario de Ferros Añón, presentes no accionariado da empresa a través da sociedade patrimonial Bergamota. "O que fallou neste proxecto foi o I+D, simplemente iso; sentímonos enganados, sobre todo por parte de IDOM, Enxeñería e Consultoría, a firma que estaba desenvolvendo o proxecto de aplicación da tecnoloxía", explica Del Moral. O presidente da firma tamén se mostra crítico coa actuación dos representantes de Xesgalicia en Tecnoambiente: "Nun dos últimos consellos expuxéronnos que, antes de asumir calquera pago a maiores derivado dos custos procesarlles do concurso tiñan que pedir un informe xurídico ao despacho Garrigues. E iso é o que se entende por capital risco?", inquiere Del Moral. "Á empresa non lle queda outro remedio que a liquidación, gústenos ou non", vaticina o seu presidente.

Ningún comentario: