xoves, 8 de xaneiro de 2009

OS IMPOSTOS MUNICIPAIS DE VIGO, DISPÁRANSE COA CRISE

Os impostos municipais subiron tres veces máis que o IPC real de 2008
.
O Concello aplicou un 4,2% de incremento cando o IPC adiantado de 2008 está no 1,5%
.
De costas á crise mostrouse o actual goberno municipal (PSOE-BNG) á hora de subir os impostos municipais para este ano. Este mes entrou en vigor a subida do 4,2% que acordou o goberno municipal para o conxunto dos impostos, case tres veces máis que o IPC adiantado de 2008, que se situou no 1,5% segundo a cifra dada a coñecer esta mesma semana polo Ministerio de Economía. Ademais, a previsión do IPC de 2009 sitúao entre o 0,2% e o 1,2%, segundo un estudo da Fundación de Caixas de Aforros.
É a maior subida de impostos aprobada no Concello de Vigo nos últimos dez anos, aínda que a concelleira de Facenda, Raquel Díaz, o vendera no pleno como "unha conxelación", expresión que repetiu ata a saciedade e en tono contundente.
O peor de todo é que esta subida prodúcese nun escenario de crise que xa era coñecido no momento en que o goberno vigués elaborou o orzamento municipal para 2009, como lamentara por activa e por pasiva o grupo municipal do PP. Xaneiro é o mes das malas noticias para o peto dos cidadáns, que deben pagar máis pola luz, o transporte, a telefonía e outros servizos básicos, pero en Vigo a esta sangría hai que engadir o encarecemento do 4,2% no IBI, o imposto de vehículos, o recibo do lixo, o billete de Vitrasa e outros tributos municipais. Ese 4,2% escollido polo Concello equivale ao IPC interanual, medido de abril de 2007 a abril de 2008.
O goberno municipal xustificara a subida do 4,2% nos impostos porque, segundo dixeron, era necesario para manter as políticas sociais. Con todo, nada máis coñecerse o orzamento municipal de gastos, en realidade servira para incrementar nun 15% as partidas de gastos de publicidade e asistencias técnicas, unha decisión ao contraxeito porque estes gastos conxeláronse noutras administracións, como a Xunta de Galicia e o Estado.

Ningún comentario: