martes, 17 de febreiro de 2009

AUTORIZAN SOLO URBANIZABLE EN VIGO A CEN METROS DA COSTA

Urbanismo intenta preservar os dereitos de leiras recalificadas
.
A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia (CSUG) autorizou a redución do solo rústico de especial protección de costas a cen metros da liña litoral a pesar de que a lei estende esa protección a 200 metros. Así ocorrerá en tres das catro actuacións do plan xeral de urbanismo de Vigo sometidas ao ditame da CSUG, dirixido non a autorizar urbanizacións, senón a preservar os dereitos dos titulares do solo.
A proposta do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para reducir de 200 a 100 metros o solo rústico de especial protección de costas referíase a catro ámbitos concretos: Oia-Saiáns, Coruxo-Samil (na desembocadura do río Lagares), Samil-Alcabre e Ríos-Roteas. Os tres primeiros obtiveron luz verde da CSUG, que entendeu que había motivos suficientemente xustificados, mentres que denegou a proposta para a cuarta actuación. En todos os casos os acordos foron adoptados por unanimidade.
Admítese, xa que logo, a conversión en solo urbanizable do solo rústico comprendido entre 100 e 200 metros da liña de costa, o que non quere dicir que se poidan construír no futuro urbanizacións nese espazo. "Os acordos van dirixidos non a dar cobertura a potenciais urbanizacións de vivendas, senón a protexer os dereitos dos propietarios dese solo, que pasa de ser rústico a edificable", sinalou Ramón Lueje Espiña, director xeral de Urbanismo da Xunta.
Na actuación de Coruxo-Samil a proposta do PXOM aprobada, autoriza a recolocación dunhas instalacións deportivas que agora bordean a desembocadura do Lagares.
A actuación de Oia-Saiáns contempla a creación dun aparcadoiro público e a construción dunhas dez vivendas unifamiliares, as mesmas que se verían afectadas na actuación de Alcabre.
En Ríos-Roteas o PXOM expuña a redución do solo rústico de protección a 20 metros da costa e a CSUG non atopou razóns obxectivas que o xustificasen, polo que foi unanimemente desestimada e a súa solución queda pendente de incorporarse ao informe definitivo que avalíe o PXOM.
O informe da CSUG é preceptivo e vinculante e adianta un paso na xa longa tramitación do PXOM de Vigo, que empezou a xestarse en 2001 e sobre o que a Xunta.
Consellería de Medio Ambiente deberá informar sobre a adecuación do PXOM vigués ás esixencias da Unión Europea. Ademais doutros posibles contidos, o relativo á localización da depuradora é o que suscita máis expectación.
.
.
.

Ningún comentario: