sábado, 7 de febreiro de 2009

DÚAS URNAS PARA O VOTO CAUTIVO

Concelleiros, militantes, amigos e cargos orgánicos do BNG entraron a dedo a traballar nas residencias e galescolas de Vicepresidencia. Mentres o candidato promete nos seus mitins igualdade de oportunidades, os tocados polo pulgar de Quintana superarán unhas oposicións cunhas bases feitas para que os concursantes anónimos queden fora e os de pedigrí nacionalista entren no Olimpo funcionarial. Un lugar no que os postos son fixos para o resto da vida laboral, porque na Xunta non hai expedientes de regulación de emprego nin prexubilacións forzosas. Se veñen mal dadas, unha empresa creba ou envía ao paro á metade do persoal, pero a unha administración bástalle con subir impostos ou investir menos en Sanidade para pagar as nóminas.
Se Castelao levantase a cabeza comprobaría que o caciquismo non é de dereitas nin de esquerdas, senón o síntoma dunha enfermidade crónica. Pero, coidado, o mal non está en Galicia, senón no virus da ambición que contaxia aos políticos. O PP teceu unha rede clientelar tan sólida como a do PSOE en Andalucía, a de Pujol en Cataluña ou a do PNV no País Vasco. Esas teas de araña trituran os dereitos constitucionais e estrangulan as posibilidades de alternancia democrática.
É o voto cautivo. Difícil de combater, pero non invencible na sociedade da información. Eu apóstome un dedo a que as oposicións a medida restaranlle máis votos ao BNG que a suma das papeletas dos agraciados. A repartición de prazas fixas entre cargos intermedios e militantes seralle máis rendible para outro fin e para outras urnas. Valéndose do Orzamento da Xunta, Quintana constrúe un muro de fidelidades cautivas que lle defende nas asembleas e órganos do BNG das arremetidas das correntes críticas, outrora tan plurais e hiperactivas no nacionalismo. Agora, jibarizadas polo voto cautivo.
Lois Blanco

1 comentario:

Anónimo dixo...

O acceso á Función Pública no século XXI realízase por medio dos sistemas de concurso, concurso-oposición e oposición, aos que hai que engadir un novo procedemento, non exclusivo do noroeste peninsular, mais amplamente usado, ?vixente no imaxinario colectivo desde aquilo de ?vuelva usted mañana??, e que foi perfeccionado polos gobernos da gaivota, e copiado e non mellorado polo goberno bifronte. Procedemento este último que consiste en colocar ao prezado amigo ben nun determinado chiringuito, ben nunha unidade administrativa, e logo créaselle a praza.


Os medios para entrar no choíño, difiren dos que se usan para entrar no poleiro de San Caetano, pero o fin é o mesmo: acadar a bicoca dunha praza fixa como empregado público, sen os incovenientes de meses de estudo, de gastos en academias, preocupacións, nervios?


Centrémonos. No primeiro, os afortunados entran pola porta de atrás, se está aberta, e se non directamente pola de adiante. Unha vez dentro argállase un proceso selectivo virtual, no que non falta a publicidade, o único requirimento constitucional presente, porén os de igualdade (afinidade), mérito (amizade) e capacidade (¿?) xa é outra cousiña.


No segundo por medio dunha ?asistencia técnica? entran a traballar un grupo de amiguetes cun contrato por obra e servizo; contratos que se prolonga varios anos. Cando teñen pasado os suficientes, denuncia da situación na Maxistratura de Traballo, e? persoal laboral fixo por sentenza xudicial firme. Nesta forma amais do nepotismo, mestúrase desidia, conivencia, absoluto desprezo polos cartos públicos, etcétera. Aquí os reis indiscutibles foron, sen dúbida, os que arestora poñen o grito no ceo coa cacicada do consorcio, os señores dos dezaseis anos que nestas terras gobernou o león de Vilalba.


Para todos os demais cóbados, café, insomnio? e ¡asúuuuuucar!