sábado, 21 de febreiro de 2009

NOVA DEPURADORA DE OURENSE

O proxecto sitúaa en Reza, a poucos metros da actual, declarada ilegal pola súa proximidade ás vivendas
.
Os plans para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) en Ourense, a pouca distancia da instalación actual, declarada ilegal nunha sentenza, na localidade de Reza, volveron a chocar coa Xustiza. Un auto do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense, coñecido onte, decreta «a nulidade da elección, por parte do Concello de Ourense, do criterio de situar a nova depuradora», tamén en Reza.
A resolución, a salvo do desenlace do previsible recurso de apelación ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), deixa no aire os plans para resolver este conflito, compartidos polo Concello, a Xunta e o Goberno central. Fai poucas semanas anunciouse a licitación do anteproxecto para este mesmo mes de febreiro.
Os veciños que gañaron o preito contra a depuradora actual rexeitan a nova, por canto estiman que se verán igualmente prexudicados pola súa actividade, ao estar situadas ambas a pouca distancia, preto de leiras e vivendas. A nova localización, segundo os razoamentos do letrado dos veciños, Francisco Aranda, «non é máis que a transposición da ampliación da actual depuradora, que no seu día tiña prevista o Ministerio de Medio Ambiente».
No auto, en referencia a esa posición, apúntase que o Concello pretende «de xeito sibilina, desobedecer a sentenza recaída» en decembro do 2003 -confirmada polo TSXG en xuño do 2007- na que se anulaba a licenza municipal e declarábase a consecuente ilegalidade da depuradora, que aínda permanece en servizo.
.
Confederación Hidrográfica
.
A resolución xudicial recoñece expresamente que a nova localización proposta pola Confederación Hidrográfica, a partir do estudo de alternativas adxudicado e realizado por unha consultora privada, «non cumpre» co ordenado polas dúas sentenzas firmes que declararon ilegal a actual infraestrutura.
A maxistrada Amalia Bolaño indica no seu auto que, como recoñecen todas as partes, «para poder proceder ao cumprimento da sentenza da que dimana a presente execución é necesario buscar unha nova localización á depuradora, tendo en conta que, pola contra, produciríase un problema maior, cal é a falta dun lugar idóneo para realizar o servizo público da depuradora, ocasionando unha situación insostible que haberían de sufrir os cidadáns de Ourense».
O Concello razoou neste procedemento que resultaba imposible executar a sentenza e cesar a actividade da actual depuradora, pois iso, segundo recolle o auto notificado onte, «levaría a comisión dun delito ambiental, ao permitir a vertedura de augas residuais ao río Miño».
Mantén o Concello ourensán, por outra banda, que a actual lexislación suprimiu a referencia á distancia mínima de 2.000 metros entre depuradora e vivendas, polo que este aspecto conduciría á desestimación da pretensión.

Ningún comentario: