martes, 23 de xuño de 2009

HEAVY METAL

Nos anais da loita sindicalista, na historia do proletariado, existe un núcleo de rufianes sempre disposto a apuntar a súa fonda contra Goliat. Son os compañeiros do metal, netos da extinguida revolución industrial, afeitos observar a conduta maleable tanto dos metais como dos patróns e que, cando se pon en xogo os seus intereses, sempre saen á rúa en plan moi pendenciero. Non se que queren os defensores do manteña limpa España, posto que vin e lin moitos e cada vez máis ardorosos comentarios estas últimas semanas, cando din que pon patas arriba a cidade e as empresas deixan de amasar moitos millóns de euros.
Estiveron algunha vez nas folgas do transporte francés? E entre os piqueteros arxentinos? viron o dos mineiros ingleses en tempos da Thatcher nalgunha película? Bo, pois os nosos protagonistas dos luns ao sol teñen tan mala hostia ou máis que calquera deles cando, nesta Galicia camiño da súa enésima metamorfose industrial, alguén pon en dúbida o pan dos seus fillos. Ademais comparar unha manifestación do metal cunha de Galicia Bilingüe sería como confundir a Laura Pausini con Metallica.
Parece que chegou o momento (a clase obreira ten aínda estes reflexos de besta parda) en que se decidiron pór as rúas patas arriba e se en Vigo arden as beirarrúas, na Coruña debe de estar a piques de learse unha ben gorda porque non cabe esperar outra cousa co de Caramelo, esa modélica industria téxtil que todo o mundo sinalaba como filla do noso escudo patrio e á que non bastaron os millóns de subvencións para chegar a unha conclusión que facía demasiados anos campeaba en calquera escola de negocios: a deslocalización. A este paso os bancos e a Xunta terán que capear nos seus activos con inesperadas participacións en negocios bastante ruinosos, aínda que moito me temo que Feijóo botará a culpa do desaguisado ao bipartito, responsable de todo o que se torce por estes pagos.
Pero seguindo cos defensores do manteña limpa España, cada vez máis ufanos, case todos eles concentrados no mesmo tribunal de contas, sempre esquecen que ás súas tribunas foron a parar as subvencións dos de sempre e dos advenedizos do bipartito, esquécense de case todo o que lles come a moral, empezando por ese gran preboste da ruptura do santo reino católico de España que cargou na súa inesquecible homilía, dándollas de chambelán de Mondoñedo, contra toda a disidencia tanto nacionalista como vermella, como verde, empezando por eles, digo, esquécense da serenata que os seus correlixionarios dan nos últimos anos no Madrid da marquesa Aguirre, tomando as rúas en sacras procesións de familias e bispos e forzas armadas axitando a bandeira do integrismo e mirando para outro lado, outros traxes, outras corruptelas, cando algún xuíz ponlles o ollo encima e mándalles pasar por tribunais. Eles son os inquisidores do século XXI, os que fixeron un auto de fe do 11-M, os que nunca perden, os que nunca menten, os que seguen buscando a conexión etarra, que agora volven a trinta anos atrás (¡que añoranza, señor, de Manuel Fraga!) e prohiben as galescolas, e suprimen as embaixadas e calquera signo de identidade desta terra tantas veces vapuleada polos nosos propios gobernantes encargados unha vez máis de aniquilar e laminar a súa diferenza.
Hai traballo por diante: limpar as rúas de sindicalistas, as aulas de nacionalistas, o parlamento de disidentes e seguir repartindo as subvencións aos de sempre, aos que nunca asumiron a alternancia, porque para eles a vida consiste en vencer ao diaño bolxevique, ao proletariado lerdo, aos escolares díscolos, aos escritores que pomos o acento na hipocrisía, sen moverse do seu escano, sen cambiar de emisora, nin de raia no pelo. É verdade, ninguén está libre de pecado, e tampouco hai que andar queimando colectores e apuntando a Gloria Lago, non fai falta chegar a eses extremos, pero que non vingan agora como coa Cidade da Cultura, (oíron algo ultimamente por certo do proxecto de Feijóo? hai que darlle tempo desde da tremenda bula que montou?) con esas leccións dunha insoportable superioridade moral. Estou co metal, co heavy metal.
RAMON REBOIRAS-EL PAIS

Ningún comentario: