sábado, 4 de xullo de 2009

OS CONTRATOS A FIRMAS AFINS AO BNG ROZAN OS DOUS MILLÓNS

Os nacionalistas favoreceron a tres empresas desde a Xunta. As compañías beneficiadas comparten sede e cargos directivos

Carrumeiro Media SL, a empresa fundada por dirixentes do Bloque Nacionalista Galego (BNG) que recibiu 78 contratos por máis de 1,1 millóns de euros de consellerías nacionalistas da Xunta durante o Goberno bipartito, ten unha irmá xemelga. Trátase de Laborgal SL, creada en xaneiro de 2007, coa que comparte sede en Ames, preto de Santiago, e cargos directivos. Do mesmo xeito que Carrumeiro, Laborgal obtivo cuantiosas adxudicacións dos departamentos de Vicepresidencia e Medio Rural, ambos en mans do BNG, que lle fixeron encargos directos por valor de 334.485 euros.
Os pedidos dos departamentos do Bloque e os seus organismos públicos a empresas afíns elévanse a case dous millóns se se suman os dunha terceira relacionada, a UTE Benito España Vilacoba Vieito, coa que tecen un armazón empresarial. As adxudicacións a Laborgal e Benito España Vilacoba Vieito ascenderon a 659.428 euros, segundo documentos oficiais aos que tivo acceso este xornal.
O nexo de unión entre todas as sociedades é Artur Manuel Benito España, conselleiro delegado de Carrumeiro Media, unha vez que os cargos do BNG, entre eles o seu ex secretario de Organización Alberto Ansede, desapareceron do organigrama da firma que fundaran anos atrás. Benito España, militante do BNG en Rianxo, é ademais o administrador único de Subministros Profesionais Laborgal SL, que cohabita na mesma oficina de Carrumeiro e que, como esta, recibiu entre 2007 e 2008 encargos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar por un importe de 246.204,21 euros.
Ademais de tratar co Consorcio, Laborgal tamén entrou con bo pé na Consellería de Medio Rural, durante a época en que figuraba como secretario xeral deste departamento da Xunta Alberte Soto, socio orixinario de Carrumeiro.
No seu primeiro exercicio, Seaga, a sociedade pública deste departamento, encomendou á empresa Laborgal a subministración de 1.500 pares de guantes para a campaña antiincendios a cambio de 32.775 euros. Ao ano seguinte, a sociedade renovou o contrato por 55.506 euros, tamén a través dun procedemento negociado.
O material para o resto de cuadrillas contra o lume que contratou directamente Medio Rural foi vendido por outra sociedade de Artur Manuel Benito España, a UTE Benito España-Vilacoba Vieito. Tamén foi elixida por Vicepresidencia para equipar a voluntarios de vixilancia e prevención (76.384 euros). En 2006, outra firma de Benito España, Laborgal SC, dedicada ao "comercio de roupa de traballo e equipos de protección individual", fora beneficiada polos mesmos departamentos autonómicos.
EL PAIS

Ningún comentario: