xoves, 16 de xullo de 2009

A "YENKA" URBANÍSTICA

Parece que agora, tratada a lingua e a cultura, tócalle ao Goberno galego “ocuparse” do territorio. Xa tardaba.

É ben coñecido que tan só unha ínfima parte de Galicia está cuberta polo planeamento urbanístico. Este é un feito que permanece teimudo, sen que até agora descortinemos con valentía o que agocha no fondo, as súas causas e consecuencias.
É famoso o paradigmático dito de moitos dos nosos alcaldes “ti vai facendo, que logo xa veremos”. Como é obvio, se non hai plan urbanístico ningún ou simplemente rexen unhas moi xenéricas “normas subsidiarias”, a licencia, o máis típico dos actos administrativos regrados, de mero axuste automático á lexislación e o planeamento convértese en acto de outorgamento discrecional en mans dos alcaldes. O seu poder trócase así en poder libérrimo, que se personaliza e opera como factor de inseguridade xurídica e, o que é peor, de potencial arbitrariedade, clientelismo e corrupción.
Isto explica que aínda esteamos a voltas coa validez das atípicas “licencias verbais”. Explica a tradicional renuencia municipal á aprobación de Planos Xerais de Ordenación Municipal e o desinterese dos concellos en se dotar de arquitectos e aparelladores, que introducirían racionalidade nas súas propostas e decisións. Explica as dificultades para crear espazos administrativos amplos onde sexa posíbel un urbanismo homoxéneo e coherente de ámbito supramunicipal e tamén que os concellos se resistan a exercer unha rigorosa disciplina urbanística. Explica os bandazos de acrecentar ou diminuír, segundo a cor política da Xunta, as competencias municipais en materia de urbanismo. E lamentabelmente da tamén razón de que se semente o país de desvergoñadas mocións de censura que, apoiadas por tránsfugas con condenas que lles obrigan á demolición de construcións ilegais, contribúen á penosa identificación social urbanismo-especulación-corrupción.
É unha “cultura” urbanística noxenta, que non revela saúde democrática en moitos dos nosos concellos medianos e pequenos, onde edificar, mesmo sexa de forma ilegal é, barbaramente, sinónimo de progreso e eficaz panca electoral.
O caso de Gondomar, que estes días preocupa, é moi grave, porque ten tras de si túrbida historia de ameazas, asaltos, queima de vehículos de concelleiros e repetidas accións xudiciais. Pero Gondomar é reedición de casos anteriores e, polo que se ve, e por desgraza, anuncio de episodios semellantes: Gondomar non é máis que o iceberg desprendido agora dunha antártida de apetencias urbanísticas desmesuradas e irrespectuosas co territorio, que a Xunta de Núñez Feijóo ven de requentar coa anunciada modificación da Lei do Solo.
Nestas condicións, darlles máis competencias urbanísticas aos concellos constitue unha enorme irresponsabilidade, que haberá que demandar de quen abre de novo tan demoledora caixa de Pandora.
Pablo G. Mariñas

Ningún comentario: