xoves, 8 de outubro de 2009

O TRIBUNAL SUPERIOR ANULA UNHA PISCIFACTORÍA

O Superior anula unha piscifactoría nunha zona coa mesma protección que Touriñán

Anulada unha granxa mariña en Ribadeo que autorizara a Xunta de Fraga

Outra sentenza dun xulgado vén engadir máis inseguridade xurídica ao empantanado sector da acuicultura en Galicia. A Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nun fallo coñecido onte, anula a declaración de impacto ambiental que a Xunta de Manuel Fraga emitiu para autorizar a construción da piscifactoría de Rinlo, en Ribadeo, en 2005. O fallo invalida de paso as licenzas de obra e actividade concedidas polo Concello de Ribadeo, gobernando entón polo alcalde socialista, Balbino Pérez, quen apoiou sen reservas a construción. A planta ía construírse dentro dunha zona protexida dentro da Rede Natura con hábitats prioritarios, características ambientais similares a cabo Touriñán, onde o actual Goberno de Feijóo volveu a dar permiso a Pescanova para levantar a maior granxa mariña que se situaría en Galicia.
A sentenza do TSXG sobre a instalación de Rinlo conclúe que non existiu un estudo de impacto válido, xa que a Xunta de Fraga non contemplou a afectación negativa sobre o ecosistema, e os estudos realizados con posterioridade acreditan que "levar a cabo con éxito a recuperación dos hábitats naturais de carácter prioritario" é "de extrema dificultade, senón imposible". Xa que logo, o tribunal conclúe que a instalación pode "xerar potencialmente un dano ambiental irreversible". O fallo estima que a licenza de construción e de actividade, que concedeu en primeira instancia a Xunta de Manuel Fraga -cando xa estaba en funcións, o 29 de xullo de 2005- anúlase por ser ilegal.
A obra, promovida pola firma asturiana Acuinor, íase a situar nuns terreos acoutados como Rede Natura 2000, unha figura de protección ambiental establecida pola Unión Europea para que os Estados membros eviten a deterioración de lugares de especial importancia polo seu valor natural. O fallo, contra o que cabe recurso, non só ilegaliza a planta prevista en Ribadeo senón que sinala que excepción debe seguir un Goberno para instalar unha piscifactoría nun espazo con protección de Rede Natura, como é tamén o caso de Touriñán. Por iso é polo que o colectivo Adega brindase onte pola sentenza. A organización ecoloxista estima que, a pesar de que as obras foron paralizadas xa tres veces, é agora, con esta resolución, cando un tribunal establece verdadeiras restricións aos proxectos en terreos protexidos.
O fallo do tribunal é estrito coas excepcións para construír en zonas de Rede Natura con hábitats prioritarios, como son os casos de Rinlo e Touriñán. Así sinala que nese tipo de áreas as "autoridades nacionais competentes" só poden aprobar proxectos "tras haberse asegurado de que non causarán prexuízo ao lugar". Se aínda así a Administración considera que as actuacións nesas zonas deben seguir adiante "unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, previa consulta á Comisión Europea, outras razóns imperioso de interese público de primeira orde".
"A Administración non foi capaz de acreditar que non se estaba fragmentando o hábitat". "Aplicando esta lexislación, moitos proxectos non terían que estar na Rede Natura", concluíu exultante o letrado da organización ecoloxista. O seu secretario executivo acusou á Xunta de Fraga de "tramitar declaracións de impacto ambiental con mapas a medida" para establecer piscifactorías. A noticia chega cando aínda non está perfilado o novo plan acuícola que anunciou o Goberno de Feijóo. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recibiu o fallo como "unha máis das complicacións xurídicas" rexistradas ao redor da actividade acuícola. Fontes do departamento sinalan que os servizos xurídicos estudan a sentenza e resérvanse posibles accións posteriores.
EL PAIS

Ningún comentario: