xoves, 22 de outubro de 2009

A REDE NATURA 2000 E OS ESPAZOS NATURAIS PROTEXIDOS

Despois do paro, un dos conflitos máis frecuentes en Galicia é o medio ambiente, o seu coidado e conservación. Os responsables do tema definiron no seu momento a Rede Natura 2000 por aplicación da directiva 92/43/CE de conservación de hábitats naturais e de flora e fauna silvestre, incluída logo na lexislación nacional no Real Decreto 1997/1995. A directiva trata de garantir a biodiversidade aplicando as medidas para conservación vixentes na Unión Europea.
O Consello da Xunta aprobou unha proposta -de 66 espazos e unha superficie total de 370.000 hectáreas, o 12,32% de Galicia- aparentemente coherente pero viciada de orixe. O talón de Aquiles da Rede Natura é considerar que a superficie de Galicia que reserva é unha alfombra de chans, plantas, augas, aire e animais sen relación co soporte físico sobre o que se instala, que considera como unha base física que non cambia, o que non é certo. Outro problema non valorado suficientemente é que no espazo da rede existe unha poboación humana que vive e desenvolve as súas actividades nel desde fai séculos con dereitos sobre o terreo ocupado. O caso da negativa dos habitantes do futuro parque natural dos Ancares é bastante significativo.
Das 66 zonas seleccionadas, o parque nacional das Illas Atlánticas é o único ben definido e seguro: rodeado polo mar, os seus límites non variarán substancialmente nos próximos séculos e a presión antrópica é escasa (excepto nas illas Cíes). Os restantes 65 espazos da Rede Natura, uns máis que outros, están ameazados por perigos naturais ou antrópicos e case sempre ambos. Vexamos o caso do complexo dunar de Corrubedo e lagoa de Carregal e Vixán. A duna de Corrubedo comezou a formarse fai 5.000 anos, cando o nivel do mar empezou a subir desde 5 ou 6 metros por baixo da posición actual. Agora, o ascenso do nivel do mar e a erosión do vento están destruíndo a duna, que xa non recibe achegues de area da praia. En breve producirase a rotura da barra que limita a lagoa de Carregal e Vixán co mar. Pero na parte alta de calquera praia galega podemos ver que sucede o mesmo: as súas dunas ou ben están mortas ou agonizantes, e a súa vida depende do tempo que tarde o vento (que xa non as alimenta con area) en erosionarlas e a vexetación en cubrilas. Moitas cidades costeiras galegas foron edificadas sobre dunas cubertas pola vexetación (A Coruña, Vigo, Fisterra, A Pobra do Caramiñal, A Illa de Arousa). A duna de Corrubedo e a lagoa de Carregal e Vixán están condenadas a desaparecer de aquí a finais de século. Corrubedo perderá aos poucos altura e Carregal e Vixán converteranse en pequenos golfos ocupados polo mar durante a marea alta. Da mesma forma, todos os humidais costeiros de Galicia: Frouxeira, Doniños, Traba, Caldebarcos, Carnota, Louro, etcétera, están condenados a desaparecer erosionados polo mar. O quentamento global transformou os espazos costeiros da Rede Natura en contornas cada vez mais fráxiles por unha mal formulación das premisas de partida. Houbera sido mellor ser menos ambiciosos e seleccionar adecuadamente os espazos a protexer co fin de non vernos envolvidos nunha cadea continua de reivindicacións e protestas por efectos imposibles de evitar.
Juan Ramón Vidal Romaní

Ningún comentario: