xoves, 3 de decembro de 2009

A CORUÑA RECORTA EN 5.000 PISOS A PREVISIÓN DO PLAN URBANÍSTICO

A Coruña revisou á baixa as súas estimacións de demanda de novas vivendas. A petición da Xunta, que considera irreal a previsión de que a cidade podería gañar ata 64.000 habitantes na próxima década, o Goberno local (PSOE-BNG) reduciu nun 15% (5.100) o número de inmobles que se construirán ao amparo do novo plan xeral de ordenación urbana. O documento continúa a súa tramitación coa previsión de crear 27.000 vivendas no canto das 33.900 iniciais.
"É unha cifra que está moi lonxe dos previstos en Santiago ou Vigo", alegou onte a concelleira de Urbanismo, Obdulia Taboadela, ao informar da aprobación inicial do plan coruñés. Os cidadáns teñen agora dous meses para presentar as súas alegacións a unha reordenación urbanística que tardará máis ou menos un ano en entrar en vigor. A Coruña, que viviu nos últimos anos un gran auxe construtor amparado polo actual plan xeral -creáronse 22.000 vivendas en apenas oito anos (de 1999 a 2007)- xa non ten apenas solo por desenvolver, xa que é a segunda capital de España coa superficie máis pequena.
Algunhas das futuras zonas residenciais que prevé o plan redactado polo arquitecto catalán Joan Busquets están no aire, como a urbanización dos céntricos peiraos que se liberarán co novo porto exterior, ou os terreos agora ocupados pola fábrica de armas de Santa Bárbara. A transformación deses solos así como o que ocupa agora a estación de autobuses están supeditados a convenios con outras administracións. E tras un longo debate cos técnicos da Xunta, o Concello finalmente accedeu a "explicar mellor" eses proxectos no seu plan xeral. Era outra das principais pegas do Goberno galego para que continuase a tramitación do documento.
"É un plan que fala menos do cemento e máis das persoas", vangloriouse o alcalde, Javier Losada, ao asegurar que se duplicarán os espazos verdes e públicos da cidade así como os servizos e as infraestruturas. O rexedor, que no seu entusiasmo chegou a definir o día de onte como "o día máis importante da última década", mostrouse convencido de que a Xunta dará sen máis reparos o seu visto e prace definitivo á ordenación urbanística "transparente, participativa, sostible e fundamental para o progreso" da Coruña.

Ningún comentario: