luns, 1 de febreiro de 2010

OS BURACOS DO LADRILLO QUE REVELA A AUDITORIA

Utilizando termos que habitualmente son tabú para as dúas caixas galegas, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, aludiu na presentación da auditoría independente a un dos puntos máis críticos na xestión de ambas as entidades: o ladrillo. Colonial, Martinsa-Fadesa, Reyal-Urbis, Nozar, Astroc, Urazca, Tremón, Grupo Lábaro.... Son poucas as grandes inmobiliarias en apertos que non pillen ás caixas galegas, envorcadas na súa expansión territorial por España nos alegres anos do boom inmobiliario.
Se soada foi a maior suspensión de pagos da historia de España, a de Martinsa-Fadesa, non o foron menos as débedas iniciais que declarou con Caixa Galicia e Caixanova, 325 millóns e 84 millóns de euros, respectivamente. Sucedía en xullo de 2008, e desde entón a bóla de neve non fixo máis que crecer. Os nove bancos acredores de Colonial convertéronse ese mesmo ano en accionistas da firma, entón presidida por Luís Portillo, co fin de recuperar parte dos 1.473 millóns que no seu día lle prestaron. Tras un troco de débeda por accións, a participación de Caixa Galicia quedou valorada en 48 millóns e en 26 a de Caixanova.
O interese dos bancos por salvar Reyal-Urbis, outra inmobiliaria que caeu no abismo con 5.000 millóns de euros repartidos entre 49 entidades acredoras, tampouco lles foi alleo. Na lista de acredores, con cantidades que se sitúan entre os 100 e 200 millóns de euros, situábase a primeira entidade galega, mentres que a caixa do sur completaba a lista entre as que atesouraban pasivos inferiores aos 50 millóns.
Tamén en 2008, o ano crítico para as inmobiliarias, o convenio de acredores presentado por seis empresas do grupo Urazca afectou a 17 entidades financeiras cun risco total de 246 millóns. Caixa Laboral, con 47 millóns, e Caixa Galicia, con 42,7 millóns, encabezaban o pasivo.
A suspensión de pagos de Lábaro e Tremón (neste caso con 47 millóns), tamén afectou á entidade dirixida por José Luís Méndez. Outro tanto lle sucedeu con Llanera á caixa presidida por Julio Fernández Gayoso. E co Pocero, que entregou a Caixanova 290 pisos en Seseña por non poder pagar o préstamo. En Afirma, antiga Astroc, Caixa Galicia ten unha débeda próxima aos 100 millóns.
El Pais

Ningún comentario: