martes, 2 de febreiro de 2010

OS 84 MUNICIPIOS COSTEIROS DEBERÁN REFORMAR A SÚA MORMATIVA URBANÍSTICA

O plan do litoral obriga a cambiar todos os documentos aprobados ou en trámite

Todos os concellos galegos están obrigados a adaptar os seus plans xerais á Lei do Solo de Galicia, de 2002. Non é un trámite sinxelo: en oito anos, seis máis dos que concedía a lei, só 41 lográrono. Na costa a situación empeora: dos 84 municipios bañados polo mar, unicamente seis contan cun planeamento axustado á norma autonómica. O resto están aínda niso. A situación complicarase para todos eles o ano próximo, cando entre en vigor o Plan do Litoral, xa que tanto os que están en fase de redacción como os que xa fixeron os deberes deberán adaptarse á nova planificación costeira.
As disposicións transitorias do Plan de Ordenación do Litoral (POL), cuxo borrador está sendo consultado cos concellos, conceden dous anos de prazo aos poucos municipios con planeamentos adaptados para que revisen as súas respectivas normativas. Esta decisión aboca a corporacións como a de Vigo, que deixou atrás en 2009 case unha década de tramitación do seu plan xeral, a retomar a redacción da seu planeamento. Os concellos que aproben os seus plans xerais antes da entrada en vigor do POL estarán na mesma situación. Os que non cheguen a tempo deberán reformarse sobre a marcha, ben cunha adaptación completa, se non pasaron aínda o trámite de aprobación inicial, ou parcial, se só estivesen pendentes do visto e prace da Xunta.
O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, ofreceuse para negociar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) as condicións e eventuais axudas para a adaptación dos planeamentos. "Intentaremos consensuar un plan razoable", anunciou. Hernández tamén se comprometeu a aprobar en decembro o outro gran proxecto urbanístico da consellería, as Directrices de Ordenación do Territorio.
O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, mentres, restou importancia ao impacto do novo plan nos concellos, que será "menor do que se pode supor". Trátase de facer axustes "menores", que "non deberían interferir no prazo" para aprobar os instrumentos de ordenación municipais. "Baixo ningún concepto" tería que provocar un atraso nos trámites, sostivo.
Pero mentres se produce a entrada en vigor do Plan do Litoral, a urxencia para a consellería consiste en axilizar as consultas cos concellos costeiros a fin de decretar unha prórroga parcial da lei dos 500 metros antes de que venza a actual, o 17 de maio. Segundo anunciou Hernández, trátase dunha medida intermedia entre a prohibición total de construír nesa franxa -tal e como a aprobou o bipartito e prorrogouna a Xunta de Feijóo-, e a liberación dese solo. O decreto será similar ao que tiña preparado a anterior conselleira, a socialista María José Caride, e consistirá en levantar a prohibición só naquelas zonas que o borrador do Plan do Litoral declare exentas de protección.

A Xunta retira a edificabilidade en 1.000 hectáreas de terreos costeiros...

Ningún comentario: