venres, 19 de marzo de 2010

EXPLOTACIÓN DE VACAS

DILLE UN ECONOMISTA A OUTRO: SE NOS EQUIVOCAMOS, POR QUE NON NOS DESPIDEN? E O SEGUNDO ECONOMISTA RESPÓNDELLE AO PRIMEIRO: PORQUE OS XEFES SOMOS NOS.

Non fai falta ser un experto para saber que a situación do sector lácteo galego é crítica. Basta achegarse cada día para ver que preto dun milleiro de explotacións están pechando cada ano en Galicia e que cos prezos por baixo dos custos de produción, e as dificultades financeiras de moitas explotacións, as cousas irán peor. Con todo, é máis difícil entender que isto non se debe á baixa calidade do leite que producimos nin a que as explotacións non se modernizaron; a causa é, ao parecer, a nosa falta de competitividade. Resumindo, trátase dunha cuestión puramente económica, de mercado. Vexamos.
Sobre o da competitividade, recoñezo que é difícil opinar. Cando o que está nos andeis das grandes superficies é un produto branco de orixe descoñecida e, en moitos casos, de composición incerta, falar de competitividade paréceme un chiste. É verdade que hai excepcións, pero os consumidores podemos comprar grelos de Monfero ou viño da Ribeira Sacra e con todo resúltanos practicamente imposible saber se estamos comprando leite dunha explotación galega.
O do mercado ten máis graza. As explotacións, ademais, son responsables dos asentamentos de boa parte da nosa poboación rural. Coa súa presenza manteñen as nosas paisaxes, contribúen a conservar a nosa biodiversidade ou frean os incendios forestais. É verdade que moitas explotacións deben facer un esforzo en mellorar os seus parámetros ambientais, pero, por pór só dous exemplos, a riqueza de insectos polinizadores responsables das nosas colleitas ou a incidencia dos lumes dependen en boa medida do mantemento dunha paisaxe heteroxénea. Xa que logo, se de economía trátase, valoremos a prezo de mercado os servizos que os agricultores prestan á sociedade e paguemos por eles. Trátase de pagar o «prezo xusto» polo leite e polos servizos non valorados, porque os custos da súa desaparición poden ser moito maiores. Pura economía.

Ningún comentario: