martes, 15 de xuño de 2010

A XUNTA QUERE LEGALIZAR AS VIVENDAS DE BARREIROS

A Xunta confía na axuda xurídica da Deputación para legalizar Barreiros

Do Concello de Barreiros, en Lugo, depende o pago de 7,2 millóns dos 14 que, segundo o convenio entre Xunta, Deputación e municipio, servirán para levar auga potable, saneamento e urbanización ás 5.800 vivendas que se construíron ilegalmente nos anos noventa no municipio. Aínda que, segundo prometeu o presidente da Xunta, seis deses máis de sete millóns correspóndelles desembolsalos aos promotores, o certo é que non aparecen por ningún lado no acordo. De todos os xeitos, ao concello, de 3.800 habitantes, réstanlle 1,2 millóns por abonar.
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, asegurou onte nunha comparecencia en comisión parlamentaria que Barreiros non afrontará ese traballo só, senón que a Administración provincial sairá en auxilio do municipio. "A Deputación de Lugo, consciente da escaseza de recursos de Barreiros, comprometeuse a dar toda a axuda institucional, técnica, material e xurídica". Desde os asentos socialistas, o autor da pregunta oral, Ismael Rego, replicou: "A Deputación non vai pór nin unha peseta, nin un euro, xa o sabe". E seguiu cargando contra o convenio porque pretende "legalizar" as vivendas de Barreiros "sen esixir responsabilidades". "Non se pregunta onde están eses 14 millóns que agora temos que pór todos os cidadáns dos nosos impostos", cuestionou Rego.
Pero a postura da Xunta non se move e insiste en que o acordo "non é urbanístico" senón que só busca proporcionar os servizos básicos e non "legalizar nada nin dar cobertura a unha situación irregular". A pesar das súas palabras, o convenio especifica que o seu obxecto é "lexitimar a transformación do solo existente e despexar toda dúbida sobre a súa aptitude como solo urbano soporte da edificación residencial proxectada".
Deste problema das vivendas de Barreiros, desvelou a secretaria xeral, "era consciente o Goberno anterior, que comezou un convenio que ía na mesma dirección".

Ningún comentario: