sábado, 31 de xullo de 2010

CITROËN NON USARÁ O APARCADOIRO EN SILOS QUE O PORTO LEVANTA EN BOUZAS

A multinacional asegura que nunca solicitou a infraestrutura, aínda que valora a súa utilidade para os importadores

Mentres o porto de Vigo acelera as obras para inaugurar ao final do verán o aparcadoiro en alturas para a loxística do tráfico de coches da terminal, PSA Peugeot Citroën, o principal usuario da superficie destinada a vehículos para embarque confirmou que non ten previsto utilizar a infraestrutura.
A multinacional explica que que o uso deste aparcadoiro en alturas nunca estivo nos seus plans. «Nós movemos os vehículos no día e necesitamos que estean en superficie», afirma a empresa.
¿Para quen está entón pensada esta instalación? Fontes do sector aclaran que este tipo de infraestruturas están pensadas para o almacenamento de vehículos que van ter unha permanencia prolongada no recinto portuario, por exemplo os coches de importación. «Desta forma Citroën tamén se ve beneficiada porque se libera superficie que agora utilizan os importadores, para que poida ser utilizada por PSA nun futuro», explican as mesmas fontes.
A Autoridade Portuaria aclarou, pola súa banda, que a estrutura de silos será de uso libre, é dicir, non será explotada en concesión con ningún operador, e non suporá un custo a maiores da tarifa actual que abonan as compañías por utilizar as terminais de estacionamento de Bouzas.
O 90% dos vehículos que se moven a través da terminal son os fabricados por PSA Peugeot-Citroën, mentres outro 10% repartiuse entre as marcas BMW, Ford, Toyota (a produción da planta africana de Durban con destino a Europa), Opel, General Motors. A empresa española Going Green, dedicada á venda de vehículos eléctricos e distribuidor das motos Vectrix, tamén elixiu o porto de Vigo para introducir o modelo Think City no mercado español. A liña de transporte entre o porto de Hanko, en Finlandia, (país no que se produce o Think City) a Vigo foi adxudicado a Gefco, a operadora loxística filial de PSA, que paralelamente explota o mesmo servizo entre Hanko e Zeebrugge (Bélxica), o segundo país de entrada en Europa do vehículo.
Máis de 22 millóns de investimento para 4.000 prazas...
LA VOZ

Ningún comentario: