domingo, 1 de agosto de 2010

A XUNTA OCULTA DATOS AMBIENTAIS

Medio Ambiente non dá cifras diarias das emisións das industrias

A Xunta incumpre a lexislación sobre información ambiental ao non dar datos actualizados sobre contaminantes emitidos pola industria. O Goberno autónomo está obrigado por lei a dar cifras diarias sobre a presenza no aire de monóxido de carbono ou partículas en suspensión. O control debe ser diario no caso do dióxido de xofre e o dióxido de nitróxeno.
A esta lexislación estatal sobre contaminantes concretos, aprobada por varios decretos en 2002, 2003 e 2007, úneselle a Lei de Protección do Ambiente Atmosférico de Galicia e a Lei 27/2006, esta última reguladora do acceso á información ambiental. Incumprir estas normas, comúns a todos os países da UE, pode provocar unha sanción das autoridades europeas se o caso chega aos tribunais de Bruxelas. Unha portavoz da Consellería de Medio Ambiente asegurou onte que non podía explicar por que non se dan os datos segundo a lei xa que "os técnicos están de vacacións".
Ademais, desde decembro a Xunta deixou de publicar os informes mensuais sobre superación dos límites legais de contaminantes nas industrias. Segundo a consellería "estase modernizando o sistema" para poder ofrecer a información actualizada a finais do verán, pero mentres non se termine o proceso non se colgarán informes na páxina web, aínda que si se lle facilitarán a quen os pida. A pesar desta afirmación, a asociación ecoloxista Verdegaia asegura ter problemas para acceder aos datos das estacións que miden os contaminantes da rede industrial galega. Así o asegurou onte Xosé Veiras, responsable de Enerxía e Transporte da agrupación, durante a presentación do informe A Calidade do Aire en Galicia 2009, realizado polo colectivo e Ecoloxistas en Acción.
Esta organización analiza desde 2006 a calidade do aire a través dos datos obtidos da Xunta. Con todo, os ecoloxistas denuncian que non se lle dá información de todas as estacións. Para o informe de 2009 só recibiron datos de 26 estacións das máis de 60 que conforman a rede. Os ecoloxistas xa levaron o caso ao Valedor do Pobo e no caso de que non consigan todos os resultados non descartan acudir aos tribunais.
Dos catro contaminantes analizados por Verdegaia, dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, partículas en suspensión e ozono, que nas capas baixas da atmosfera é perigoso para a saúde, os ecoloxistas centran o foco nas partículas. Segundo a súa análise, máis do 40% da poboación galega está exposta a niveis de partículas en suspensión superiores aos niveis máximos recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), máis ríxidos que os permitidos en Europa. As partículas en suspensión son fragmentos minúsculos de moitas sustancias que se atopan no aire. Polo seu pequeno tamaño son facilmente respirables e poden afectar ao aparello respiratorio ou ata penetrar no torrente sanguíneo no caso das máis diminutas.
Unha das factorías das que a Xunta non deu información a Verdegaia, a papeleira pontevedresa Ence, superou en 2007, 2008 e 2009 os niveis recomendados pola OMS, segundo os datos facilitados por Medio Ambiente a este xornal, aínda que, segundo informou onte a empresa, mellorou a calidade da auga que verte á ría.
Vigo é a cidade galega con maior contaminación...

Ningún comentario: