martes, 20 de xullo de 2010

CORRUPCIÓN DO URBANISMO

A corrupción urbanística non acabará mentres a práctica do Urbanismo non recupere o que foron os seus obxectivos fundacionais, hoxe abandoados. Os plans deixaron de preocuparse pola mellora das condicións de vida dos cidadáns (¿quen se atreve a expor hoxe un intervención para facer a cidade máis amable, máis acolledora, máis vivible, máis verde?), e substituíron estes obxectivos que foron os que deron sentido e vida ao Urbanismo por outros: pola competitividade, a captación de investimentos, a mercadotecnia urbana,... A análise do que os anglos chaman key words (palabras craves) nos plans e intervencións urbanísticas contemporáneos confírmano plenamente.
Xúntense as dúas razóns expostas, un Urbanismo que abandonou os seus obxectivos, a súa razón de ser, para porse ao servizo do sector inmobiliario , e a ausencia de mecanismos que permitan que as plusvalías xeradas polas decisións urbanísticas queden en mans de quen as toma, e a corrupción está servida. Pero non se fale de corrupción urbanística, nin se presente como un problema que deba ser combatido exclusivamente por vía da represión penal. Estamos ante un proceso de perversión do Urbanismo, unha evolución que inevitablemente nos aboca á corrupción inmobiliaria. A corrupción urbanística non é máis que a consecuencia da corrupción do Urbanismo
Se non entendemos este cambio estaremos condenados a pensar que a corrupción urbanística, como patoloxía social, é resoluble exclusivamente en termos de represión penal. Mentres o Urbanismo sexa conceptuado e xestionado como unha máquina de enriquecemento, de fomento económico, existirá a corrupción urbanística, porque ese negocio inmobiliario, a diferenza doutros, require a intervención dos poderes públicos, ou os solares seguirían sendo campos ou montes.

Ningún comentario: