martes, 24 de agosto de 2010

AS COMUNIDADES AUTÓNOMAS DEBEN MÁIS DE 5.500 MILLÓNS DE EUROS AO ESTADO

As comunidades autónomas de réxime común --todas salvo País Vasco e Navarra-- deberán ingresar 5.502 millóns de euros ao Estado como resultado da liquidación definitiva do sistema de financiamento autonómico correspondente a 2008, na que se establece a diferenza entre o rendemento definitivo dos diferentes recursos e as entregas a conta efectuadas, segundo datos do Ministerio de Economía e Facenda.

A única excepción foi a da Comunidade de Madrid, á que o Estado debe máis de 15 millóns, a pesar de que no caso da recadación por IVE, consta unha débeda de 641,1 millóns de euros a favor do sistema.
O resto das comunidades e cidades autónomas estaban en débeda co Estado, sendo a máis avultada a de Andalucía, cun saldo negativo de 1.475,9 millóns de euros, seguida de Cataluña (690,7 millóns de euros), a Comunidade Valenciana (635,6 millóns de euros), Galicia (573,7 millóns de euros) e Castela e León (443,6 millóns de euros).
O resto das comunidades, por orde de maior a menor débeda, son Canarias (340 millóns de euros), Castela-A Mancha (265,1 millóns de euros), Estremadura (252,3 millóns de euros), Aragón (171,8 millóns de euros), Asturias (171,1 millóns de euros), Baleares (162 millóns de euros), Murcia (160,5 millóns de euros), Cantabria (125 millóns de euros) e A Rioxa (46,3 millóns de euros).
Doutra banda, o Estado deberá ingresar 2.460,4 millóns de euros en concepto de recadación por IRPF, ademais doutros 12,1 millóns por impostos especiais. Pola contra, no caso do Fondo de Suficiencia, que cobre as necesidades de ingresos rexionais, a cantidade a pagar polas comunidades autónomas é de 4,264,3 millóns de euros, que se sumarán a outros 4,211 millóns de euros, por IVE.

Ningún comentario: