venres, 13 de agosto de 2010

O GOBERNO VOLVE ABRIR A CHEQUERA

De novo, os sindicatos volven ser os grandes beneficiados dun Goberno que a semana pasada non dubidou en repartir millóns en forma de subvencións e axudas.
Máis de 91 millóns de euros distribuíu o Executivo de José Luís Rodríguez Zapatero para todo tipo de proxectos, entre os que destacan os 81 millóns para desenvolver plans de formación continua nas Administracións Públicas (29 deles para as organizacións sindicais) ou os 5,68 para actividades relacionadas coa Guerra Civil e o franquismo.
No caso dos sindicatos, a contía total das subvencións para este ano supón un aumento de 128.096 euros respecto ao ano anterior, a pesar da situación económica e aos recortes que sofren cidadáns e pensionistas. Así, tal e como publicaba o Boletín Oficial do Estado (BOE), a Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC OO) serán quen máis diñeiro reciban, concretamente 11,2 millóns de euros cada unha delas. No caso dos de Cándido Méndez, repartirán esa cantidade entre a súa Federación de Servizos Públicos (FSP) e a de Traballadores do Ensino (FETE). Mentres que os de Ignacio Fernández Toxo distribuirano entre a súa Federación de Sanidade e Sectores Sociosanitarios, a de Ensino e a Federación de Servizos á Cidadanía. Outros agraciados son a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI-CSIF), con 4,5 millóns, ou a Confederación Intersindical Galega (CIG), con 636.539 euros.
Nesa partida de formación continua na que se atopan os sindicatos tamén hai máis beneficiarios como as diferentes Federacións de municipios de España, que recibirán uns 6,3 millóns, concellos, comunidades ou mancomunidades (máis de 21 millóns) e ministerios ou institutos nacionais, que obteñen 25,6 millóns.
Pero o Executivo tamén distribuíu outros 5,68 millóns para a localización e exhumación de fosas de vítimas do franquismo, e para a realización de documentais ou proxectos relacionados coa Guerra Civil española. O Goberno publicaba onte a concesión provisional destas axudas e entre quen máis obterán atópanse o Foro Cidadán para a Recuperación da Memoria Histórica de Andalucía (59.700 euros para exhumar e localizar vítimas), familiares de prisioneiros de Valdenoceda (58.200 para exhumar e identificar restos), a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (57.900), un memorial para as vítimas do franquismo en Guadalaxara (57.000) ou a Fundación Trece Rosas, que se embolsa 40.000 para a conmemoración e dixitalización do aniversario das Trece Rosas.
E non só quedan en España estas subvencións, senón que algunhas delas vanse, por exemplo, a Italia, á Associazione Italiana Combattenti Volontari Antifascisti dei Spagna, que recibe 24.000 euros para unha exposición. Outros dos agraciados aquí volven ser CC OO, para o seu proxecto «A memoria dos avogados antifranquistas andaluces», e UGT de Madrid para a realización da terceira parte de «Resistencia sindical en Madrid: Historias de vida de militantes de UGT».
Xunto a estas axudas, o Goberno tamén distribuíu 3,4 millóns para integración de inmigrantes, máis de 4 da Dirección Xeral da Cidadanía Española no Exterior e 850.000 para conservación do patrimonio cinematográfico.

Ningún comentario: