mércores, 22 de setembro de 2010

O PP QUERE LEGALIZAR CASAS XUNTO AO MAR

O texto permitiría seguir construíndo en núcleos levantados logo de 1988

A Lei de Costas previu para os zonas clasificadas como solo urbano antes da súa redacción unha rebaixa da servidume de protección, que se fixou en 20 metros fronte aos 100 nos que se estableceu o límite xeral. A Lei de Vivenda da Xunta, aprobada a pasada lexislatura, contiña unha disposición adicional que estendía este réxime aos núcleos rurais tradicionais, pero está en suspenso tras un recurso do Goberno central ao Tribunal Constitucional por invasión de competencias.
A proposta que presentou o PP recupera o contido daquela disposición e vai máis aló, xa que permite legalizar o que se atopa na franxa entre os 20 e os 100 metros, incluídos aqueles núcleos rurais que non fosen "preexistentes" á norma de 1988, e ata seguir construíndo neles. Tamén expón, ademais, conceder concesións de explotación na franxa non xa aos propietarios, senón "aos que levasen a cabo construcións feitas ao amparo de actos administrativos públicos con data anterior ou non á entrada en vigor da lei".
Se o Estado quixese rescatar tales concesións debería correr, segundo a proposta, coas hipotecas que tivesen as casas. De renunciar a pedir a concesión, ademais, os afectados terían dereito a unha propiedade das mesmas características ou unha indemnización calculada segundo os prezo de mercado.
O texto tamén autoriza, tal como está redactado, a "novos usos e construcións de acordo cos plans de ordenación en vigor".
A modificación chega ao extremo de permitir, no punto máis criticado polos grupos da oposición, que os núcleos urbanos consolidados con anterioridade á Lei de Costas, xurdidos tamén "ao amparo de actos administrativos públicos", poidan ser "excluídos do dominio público marítimo terrestre por decisión administrativa previo informe preceptivo do Concello e da comunidade autónoma".

Os socialistas acusan ao PP de privatizar o litoral...

Ningún comentario: